Benestar Social e Igualdade conmemoran o Día Internacional do Pobo Xitano amosando a súa ‘phenjalipén’ co horror que están a sufrir os xitanos ucraínos

22

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, participaron esta mañá no acto reivindicativo organizado pola Fundación Secretariado Xitano co gallo do 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, que este ano se dedica aos xitanos ucraínos. As accións conmemorativas incluíron o despregue da bandeira do pobo xitano no balcón da Casa Consistorial e a distribución dun manifesto de solidariedade (phenjalipén en romanó) e apoio ante “a grave situación que están sufrindo as familias xitanas en Ucraína e, en especial, mulleres, nenos e nenas, por esta devastadora guerra”. 


Segundo subliñou Rebeca Flórez Jiménez, mediadora intercultural da Fundación Secretariado Xitano, neste manifesto sinálase que “algunhas organizacións que se atopan ao pé do canón denuncian que a solidariedade non está a chegar de igual xeito aos cidadáns en situación de maior vulnerabilidade, entre eles moitas persoas xitanas”. “Ademais, téñense detectado situacións de discriminación e antixitanismo -aseguran-, atopando obstáculos para poder atravesar as fronteiras cara aos países limítrofes, ou ben no trato que reciben unha vez que lograron atravesar as fronteiras: uso de perfís étnicos discriminatorios por parte da policía, segregación en centros de acollida e peores condicións que as persoas refuxiadas non xitanas, ou mesmo casos como os reportados desde Hungría, onde se dá menos comida ás nenas e nenos xitanos que a aqueles que non o son”.


Por tal motivo, baixo os hashtag #SolidaridadConUcrania e #SolidaridadConElPuebloGitano, a Fundación Secretariado Xitano fai nesta data un chamamento á UE e ao Consello de Europa, ás organizacións da sociedade civil e á comunidade internacional en xeral para que velen para que ninguén quede atrás nunha sociedade tan fracturada como a que provoca unha guerra destas dimensións. 


Tal e como lembrou Marcos Rey, a Fundación cumpre este ano o seu 40 aniversario e “agora máis que nunca, nun contexto no que se vén de aprobar a nova Estratexia Nacional para a Igualdade, a Inclusión e a Participación Xitana e no que o Congreso puxo en marcha a Subcomisión para un Pacto de Estado contra o Antixitanismo e a Inclusión do Pobo Xitano, seguindo unha frase moi empregada entre xitanos e xitanas, ‘Quen máis teña que máis poña’, debemos exercer a phenjalipén, a solidariedade xitana, coas persoas que peor o están a pasar”.