A Estrela Michelín leonesa Yolanda León presidirá o xurado do I Campionato de Tapas de Galicia que se celebrará en Pontevedra durante os días 2 e 3 de maio

36
  • A competición de gastronomía en miniatura impulsada pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa Academia da Tapa e o Pintxo terá como escenario as magníficas instalacións da Finca Batacos en Salcedo
  • O evento, que se desenvolverá en formato showcooking, conta co patrocinio e apoio de recoñecidas firmas como Makro, CRDO Ribeiro e Estrella Galicia, que outorgará o premio á tapa que mellor maride coa cervexa

Yolanda León, cunha Estrella Michelín desde 2009, cociñeira xunto á súa parella Juanjo Pérez no restaurante leonés Cocinandos, presidirá o xurado que escollerá a mellor tapa de Galicia durante o I Campionato de Tapas que se celebrará en Pontevedra durante os días 2 e 3 de maio. Esta recoñecida chef, que iniciou a súa formación profesional en Santiago de Compostela, rexenta desde 2003 o seu restaurante en León con varios recoñecementos, entre os que destacan dous Soles outorgados pola Guía Repsol no 2018, xunto co máis importante galardón á excelencia, calidade e creatividade da cociña da Guía Michelín (distincións, ambas, que conserva ata hoxe).

Para León, esta experiencia ten gran valor porque “para min é unha honra participar no primeiro certame da tapa en Galicia, xa que estou unida a esta terra desde ben pequena: veraneando cos meus pais en Pontedeume e logo unida cos meus estudos de gastronomía no meu Santiago de Compostela”. “Como xa dixen, é un verdadeiro pracer contribuír neste evento, en pro da tapa, unha tradición española que evoluciona á par que a sociedade española e que tan arraigada está na miña cidade de León”, asegura a cociñeira.

A competición, dirixida ás cociñeiras e cociñeiros das catro provincias galegas (que poden inscribirse totalmente de balde ata o día 13 de abril na páxina web da entidade organizadora, www.academiadelatapa.com), desenvolverase en formato showcooking e contará co patrocinio e apoio de recoñecidas firmas como Estrella Galicia, CRDO Ribeiro e Makro, así como coa colaboración de Café Lavazza e de Tartuflanghe.

En opinión da concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, a socialista Yoya Blanco, “se algo caracteriza a este I Campionato de Tapas de Galicia é a excelencia en tódolos aspectos da súa organización e, por ese motivo, para presidir o xurado do evento non podiamos aspirar a outra cousa que non fose o privilexio de dispoñer dunha profesional do nivel de Yolanda León, Estrela Michelín formada na nosa terra”. A edil do PSOE anunciou ademais que este primeiro campionato de gastronomía en miniatura terá como escenario a Finca Batacos, un sensacional espazo situado a poucos minutos do centro de Pontevedra, rodeado duns xardíns que o converten no lugar perfecto para este evento. 

“Estou tremendamente feliz e satisfeita co inmellorable marco no que se desenvolverá esta cita gastronómica. Á marxe da enorme beleza da Finca Batacos -sinala Yoya Blanco-, sempre é unha auténtica garantía contar coa experiencia organizadora dun xerente tan solvente como Gustavo Sobral, que se amosou disposto a axudarnos para que o Campionato de Tapas sexa un éxito”.

Estrella Galicia outorgará un premio á tapa que mellor maride coa cervexa e outro á mención especial do xurado. A cervexeira respalda este certame gastronómico co obxectivo de poñer en valor aos grandes profesionais que traballan en Galicia. Desde a compañía apuntan que “é moi importante dar visibilidade ao traballo e o talento que se coce nas cociñas dos establecementos de hostalería galegos. Desexamos que a iniciativa sexa todo un éxito”.

Esta competición distribuirá máis de 3.000 euros en premios de produtos das marcas patrocinadoras e colaboradoras do certame, destacando 1.500 euros en produtos Makro que levarán a cociñeira ou cociñeiro gañador.