O Coche de Punto remata a súa fase de probas con 2.152 quilómetros percorridos e coas incidencias máis relevantes localizadas e sinaladas

133
O seguinte paso consistirá en estudar os datos obtidos na procura das mellores solucións de cara aos problemas atopados e detectados, que pasan principalmente por dous: a dificultade no uso da app para as persoas maiores e a xeolocalización dos enderezos nas zonas rurais
O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, tamén informou da solicitude dunha nova prórroga para a obra de Loureiro Crespo por mor da falta de subministracións para o seu remate 

O Concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, deu conta esta mañá das últimas novidades ao redor do Coche de Punto, o servizo de transporte a demanda que será posto en marcha na cidade nalgún momento entre finais de 2022 e principios de 2023, segundo as previsións manexadas desde o Concello de Pontevedra.

Así, a fase de probas deste servizo chega até a súa fin con algo máis de 2.150 quilómetros percorridos entre os 56 usuarios e usuarias que puideron facer uso deste Coche de Punto na súa primeira posta en marcha en fase beta. A media de viaxes realizada por cada persoa foi de 6,5 viaxes; mais baixaría até 4,4 se é eliminado da conta as tres persoas que máis uso fan deste transporte a demanda. Doutra banda, a moda por persoa estaría situada en 2, é dicir, o número de usos que se repite máis veces entre os usuarios.

Estas viaxes teñen unha duración media de 17 minutos e 12 segundos, un custo medio de 11,2 euros e normalmente son realizadas de xeito individual, sen compartir o vehículo —a cifra ofrecida polo recollida de datos amosa que en cada viaxe van 1,23 persoas—.

Seguindo debullando os datos, a zona con máis saídas —101— foi Campañó, Alba, Lérez e Cerponzóns, o cal «é relevante porque foi das últimas en ser incorporada ao Coche de Punto», comenta Gómez. Doutra banda, as zonas con máis destino foron a cidade, e esta mesma zona, como é natural se pensamos na volta a estes puntos. Ademais, a zona con menos saídas e destinos serían os Xeves —13 e 3, respectivamente—.

Alén destes datos, o edil de Mobilidade sinala que «é un caso que haberá que estudar», o baixo nivel de destinos na zona de Mourente, Bora e Marcón, lugar no que se sitúa o Hospital Montecelo, e o natural sería pensar que debería contar cun maior número de peticións para esta localización. «Se o pensamos, debemos poñelo en relación co de Cerponzóns, Alba, Lérez e Campañó; que ten moitos máis destinos e ten un centro de saúde como un punto de interese. Hai que poñelo en relación, estudalo e ver que acontece. Para ver todo isto, agora faremos anónimos os datos e serán estudados polas empresas responsábeis neste seguinte procedemento de análise, e deseñar, finalmente, como funcionará o servizo unha vez o poñamos en marcha», explica Gómez. 

Os principais problemas que apareceron na fase de probas foron dous: a dificultade das persoas maiores no uso da aplicación informática e a xeolocalización dos enderezos do rural.

O primeiro pode ser solucionado a través de axudas presenciais para que as persoas que amosen máis dificultades para darse de alta como usuarios poidan facelo, e logo tamén sexan quen de utilizar con naturalidade a aplicación. O segundo punto, «aínda que pode ser precisa en moitos casos», non sempre o é por mor da propia natureza das rúas nos lugares, ou da falta de información previa por parte dos sistemas de xeolocalización nestas zonas. Porén, a mellor maneira de solucionar isto é un proceso mixto: unha xeolocalización no momento do rexistro, que non é sinxela para quen non estea afeito a usar ferramentas informáticas; e doutra banda, está a propia solución dos taxistas, co seu propio sistema, depurando os enderezos e aprendendo en tempo real. 

A empresa encargada da obra de Loureiro Crespo solicita unha nova prórroga

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, tamén aproveitou a comparecencia para dar conta dalgúns dos asuntos tratados na Comisión de Mobilidade celebrada nesta mañá de xoves, 7 de abril.

Un deles foi a solicitude dunha nova prórroga, por parte da empresa COVSA, baseada nos «graves problemas que hai de subministracións». O edil comentou que «a actuación podería estar rematada de chegaren os subministros de xeito normal, pero non está sendo así. Aínda queda un mes por diante, pero a empresa xa decidiu solicitar a prórroga de tres meses e xa temos o informe favorábel dos servizos técnicos».

O edil quixo facer fincapé en que a problemática «non é que esta empresa pontevedresa non estea a facer ben o seu traballo, senón que en moitas ocasións non pode facelo, directamente».