As sesións divulgativas de ‘O teu cole na historia’ chegan á EEI Fina Casalderrey

7

A Concellería de Educación, que dirixe o socialista Tino Fernández, trasladou esta mañá á EEI Fina Casalderrey a rolda de sesións divulgativas do programa ‘O teu cole na historia, coñecendo a túa contorna’, desenvolvido en colaboración dos creativos Kike Mauricio e Carlos Taboada, de Polo Correo do Vento, e mailo músico Antón Ke. A actividade contou coa participación de 108 nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Infantil, que tiveron ocasión de coñecer polo miúdo o mural realizado no seu centro e que ten como protagonistas ás personaxes do libro O Misterio dos Fillos de Lúa, obra da escritora Fina Casalderrey, que obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e o premio O Barco de Vapor.


Asentada nas proximidades da senda fluvial, a escola de Infantil, o balneario do Lérez e a Ponte da Palabra (que conecta as parroquias de Lérez e Monte Porreiro) protagonizan, xunto cun rabirrubio tizón, a intervención artística de Mauricio e Taboada.