O tempo da paixón regresa ás rúas de Pontevedra co gallo do Día Mundial do Bico a través dunha campaña de apoio ao comercio local impulsada pola concelleira Yoya Blanco

82
  • Coincidindo coa conmemoración do 13 de abril, a Concellería de Promoción Económica e Turismo pon en marcha a iniciativa ‘Captando un bico’, instalando unha Carpa do Amor para facerse fotografías diante do Hospital Provincial
  • Os pontevedreses e pontevedresas que se acheguen con tíckets de compra de comercios de proximidade terán a posibilidade de levar de recordo unha fotografía gratuíta protagonizando unha mostra de cariño con quen desexen

Chegou a estación do amor e, pouco a pouco, comezamos a deixar atrás a pandemia. O tempo da paixón, de darnos de novo moitos bicos e apertas, regresa ás rúas da nosa cidade, e poucas datas poden ser máis simbólicas que a que se conmemora o vindeiro mércores 13 de abril. Coincidindo co Día Mundial do Bico, a Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, decidiu impulsar a campaña ‘Captando un bico’, coa que se pretende convidar aos pontevedreses e pontevedresas a expresar o seu amor e, de paso, a facer as súas compras no noso comercio local.

Aqueles que durante esa xornada se acheguen ata a Carpa do Amor (dotada dun photocall) que se instalará na rúa Loureiro Crespo, diante do Hospital Provincial, en horario de 11:00 a 19:00 horas, terán a posibilidade de protagonizar unha mostra de cariño con quen desexen e levar de recordo unha fotografía gratuíta impresa dese momento tan doce e especial. “Para acceder a este servizo só será necesario entregar un tícket dunha compra realizada no comercio local”, explicou esta mañá a concelleira Yoya Blanco no Concello durante o acto de presentación da iniciativa, no que estivo acompañada pola responsable da firma organizadora, Gesdigal, Fátima Fernández.

Tal e como sinalou, “ademais de contar cunha fotógrafa profesional (a propia Fátima) para captar eses instantes de afecto e paixón con toda a súa beleza, o control da entrada e saída á carpa estará a cargo dun azafato/a que se encargará de pedir os tícket e coordinar as quendas de bicos e apertas”.

“Entre os beneficios dos bicos -afirmou Yoya Blanco- inclúense os seguintes: suben o nivel de hormonas da felicidade, tonifican os músculos faciais, diminúen a presión arterial, eliminan as dores de cabeza, aumentan a autoestima, combaten as caries, reducen o estrés, queiman calorías… E sobre todo, fannos felices. Como reza un dos lemas desta campaña, non deixemos para mañá os bicos que poidamos dar hoxe. Despois do que vimos de pasar, temos moita necesidade de bicos, agarimos, apertas”.

A edil do PSOE lembrou que “Pontevedra é considerada, segundo revistas turísticas, a cuarta cidade máis romántica de España”, polo que “temos que explotar ese romanticismo que nos sae aos pontevedreses e pontevedresas e aproveitalo o mércores 13 de abril nesta campaña de apoio ao comercio local”. Blanco aclarou que aqueles que se acheguen ata a carpa poderán optar por dúas opcións fotográficas: a de fotomatón ou espello máxico, que permite levar xa unha imaxe impresa nese momento; e as que fará a fotógrafa, de 15×30, que poderán recoller nuns días, unha vez que estea revelada.

Fátima Fernández apuntou que a Carpa do Amor terá unhas dimensións de 5×5 e estará rodeada por un decorado que se instalará por toda a praza do Hospital e que incluirá a palabra ‘bico’ en diferentes idiomas.