Xeración Sónica continúa a demostrar que a mocidade pontevedresa segue levando a música nas veas coa publicación dun novo disco, o Volume 3

48
O programa do departamento de Xuventude, dirixido por Alberto Oubiña, continúa sendo un dos éxitos máis visíbeis á hora de fomentar o talento mozo e local
O novo recompilatorio está conformado por 12 cancións, de catro agrupacións diferentes e diversas, coa lingua galega como base nas súas líricas 

«Xeración Sónica é un programa que aproveita o potencial desta cidade, dunha mocidade que lle encanta a música, que dispón do Local de Música e que conta cunha rapazada amplamente preparada e interesada e que leva a música nas veas», expón o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña. «O obxectivo de educar cultural e artísticamente empregando a música como elemento de cohesión social é unha constante que se dá cada xoves no Local».

Esta mañá, Oubiña, acompañado dos profesores musicais e responsábeis do programa, Gonzalo Maceira e Violeta Mosquera; presentou o recompilatorio X-Sónica, Vol. 3. O terceiro disco do proxecto local que xa está dispoñíbel nas plataformas dixitais como Spotify ou Apple Music, e que funciona como un resumo práctico do traballo realizado durante a terceira edición do programa municipal. A cuarta edición xa está en marcha desde o último trimestre do ano pasado.

O edil lembrou que proxectos coma Xeración Sónica son máis que necesarios nos tempos que a sociedade está a vivir, coa idea de promover o talento local entre mozos e mozas que medran hoxe acompañados polos responsábeis e monitores do programa, pero que pronto poderán facelo pola súa conta, na procura de novas metas ou horizontes.

Nos últimos anos, as bandas que formaron parte de Xeración Sónica puideron participar e darse a coñecer en outros proxectos coma Sétima Feira, A Pé de Rúa, Surfin’ the Lérez ou Galegote Rock —que está programado para a derradeira fin de semana deste mes e no que volverá estar este programa dun xeito protagonista—.

«A verdade que estar aquí un ano máis é unha pasada. Para nós é importantísimo publicaron algo coma isto, e permite facer unha avaliación xa non só do que foi o resultado, senón de toda a produción que fan estes alumnos que xa son artistas», explicou Gonzalo Maceira. «Educación, Cultura, Mocidade… son elementos que están xuntos e que concibimos xuntos. Creo que o estamos a conseguir, que Xeración Sónica dá os seus froitos e as producións que fixeron estes rapaces e rapazas é espectacular, xa van por si sós, son abraiantes».

Maceira destacou que grupos e agrupacións que formaron parte das anteriores edicións continúan tocando e mesmo afrontando a creación pola súa banda de novos discos, amais da participación en concertos ou concursos, dos que mesmo saíron gañadores. «A rede comeza a medrar e o ruxe ruxe está aí, a ferver. Estamos moi contentos. Hoxe publicamos este EP e de aquí ao día 30 estaremos tentando facer unha pequena ruta para contar todo o que foi este proceso, para logo gravar as cancións que deriven da cuarta xeración sónica, ao longo do verán».