O Concello cualifica de «indignante» o informe positivo que a Xunta emitiu sobre o proxecto de Adif para a contorna de Praceres

37
O concelleiro e coordinador do Rural, Alberto Oubiña, lembra que a veciñanza sempre contará co apoio do Concello e sinala que o a modificación do trazado por fóra da praza é o único proxecto valido para o lugar 
O Concello de Pontevedra tivo constancia esta mañá do informe que a Xunta de Galicia emitiu ao respecto dos pasos a nivel de Lourizán en relación co proxecto presentado por Adif para a parroquia pontevedresa. 

O concelleiro e coordinador do Rural, Alberto Oubiña, sinalou que «queda consolidado o abandono por parte da Xunta para coa parroquia de Lourizán. É unha nova indignante, moi indignante; tanto para o Concello como para os veciños».

O edil puido falar esta mañá con algúns dos veciños da zona de Praceres que lle comunicaron o sentir xeral da veciñanza, sendo este «o asasinato dun espazo e dun pobo». «Namentres noutros lugares nos afanamos en abrir espazos públicos ao mar, en Praceres sentímonos encaixonados polos catro costados, entre a PO-12, a depuradora e ENCE; a estrada abandonada pola Xunta, a PO-546; e, agora, tamén Adif. Quen sabe, igualmente pronto somos anexionados pola autoridade portuaria e temos que pagarlles os impostos a eles», citou Oubiña, en referencia ás palabras que lle transmitiron representantes veciñais.

O edil declarou que o Concello de Pontevedra comparte totalmente esta indignación e que desde o Concello se seguirá mantendo a mesma postura que se vén mantendo contra Adif e contra un proxecto que «pretende soterrar a veciñanza de Lourizán». «É incríbel como se lle pode pasar pola cabeza a alguén validar un proxecto que non garante a seguridade daqueles que viven nesta zona. Non cumpre en parámetros de mobilidade peonil e, desde logo, non cumpre o sentido común que parte a parroquia en dous tal e como demos conta hai tempo. A resolución do informe que presenta a Xunta non é unha brincadeira, pero podería, ao dicir: ‘deberán tratarse con especial coidado as conexións peonís entre os distintos ámbitos de actuación co obxectivo de acadar a maior relación entre os espazos’ Soterrando? Esa é a mellor maneira?».

O Concello quere transmitirlle o seu apoio a toda a veciñanza da parroquia e agarda que «Madrid rectifique o que agora a Xunta ampara». «En Pontevedra dixémolo xa en acordo plenario: debe modificarse o trazado e a vía ser trasladada fóra da praza. É a postura que sempre manteremos», finalizou o edil.