Aprobada a proposta de adxudicación para o contrato de mantemento dos parques forestais por 339 mil euros

52
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, tamén informou da imposibilidade de continuar coas obras de reforma do Teatro Principal logo de entrar en concurso de acredores a empresa adxudicataria encargada da mesma 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá dos principais asuntos tratados na Xunta de Goberno celebrada nos primeiros compases da presente xornada. Alén dos puntos recollidos na orde do día, a edil fixo fincapé nunha serie de temas incluídos e comentados fóra da mesma. 

O primeiro deles foi o proceso de contratación que se está a levar a cabo para o mantemento dos parques forestais de Pontevedra. «Este mandato ía ser o mandato do verde, por iso fixemos, facemos e faremos esforzos en converter Pontevedra nun referente sostíbel. Nese eido hai unha parte fundamental que son os parques forestais, ese gran anel verde de Pontevedra composto polos parques da Fracha, Pontillón e A Tomba. Amais do investimento inicial, era preciso facer tamén un contrato de sostemento para garantir que estas infraestruturas verdes estean en perfecto estado de revista», explicou a edil.

Así, o Concello de Pontevedra sacou un contrato cun prezo de licitación de 422.588,76 euros que xa está a rematar o seu proceso de adxudicación e formalización. A empresa que recibirá a proposta de adxudicación é a empresa de inserción laboral Cormo. O prezo de adxudicación será de 339.396,80 euros. Dentro das melloras do contrato aparecen recollidas a eliminación de especies invasoras de monte, como é o caso da acacia e do eucalipto. Así, dúas veces ao ano, farase unha campaña de eliminación destas especies.

«Tres persoas estarán revisando de xeito permanente e decotío os nosos parques, facendo tarefas de coidado e mantemento», explicou Gulías. «Unha das indicacións que se lle transmitirá á empresa é que se teña especial coidado coas rozas naquelas zonas onde as especies autóctonas están en situacións vulnerábeis. Tamén será revisado o mobiliario e o arranxo de camiños. É unha aposta importantísima do Concello de Pontevedra de cara á conservación e mantemento dos parques forestais», sinalou a portavoz. O contrato ten unha duración de tres anos. 

O Concello volverá sacar a licitación o contrato da reforma do Teatro Principal, logo de recoller a solicitude voluntaria de concurso de acredores da empresa adxudicataria

Outro dos asuntos analizados e explicados pola portavoz do Goberno foi a reforma do Teatro Principal de Pontevedra, e a imposibilidade de continuar as obras actuais coa presente empresa adxudicataria. A portavoz do Goberno lembrou o contexto xeral das obras da cidade, a raíz da pandemia, a raíz da crise de subministracións e a raíz da guerra de Ucraína. Unha mistura de factores que está a afectar a todos os niveis socioeconómicos das persoas e que cristaliza en dificultades, as veces insalvábeis, para as empresas.

«A semana pasada recibimos por Rexistro a comunicación dunha solicitude voluntaria de concurso de acredores da empresa adxudicataria deste contrato, Acevi», explica Guías. «De xeito automático revisamos a situación na que estaba o Teatro Principal, ademais das outras grandes obras que tiñamos en proceso, que serían o Cemiterio de San Amaro e o mantemento dos colexios. Ben é certo que son situacións diferentes en cada un dos casos».

No caso do cemiterio, o Concello cre que non ten demasiado problema pois a empresa aínda non comezara as obras, polo que se resolverá o concurso e será sacado a licitación este contrato. Este proceso tamén se fará no caso do Teatro Principal, que conta cun porcentaxe de execución que aínda non acada o 20 % marcado pola lei para facer unha transferencia a outra empresa. «Debemos resolver este contrato e sacar un novo concurso», sinalou Gulías, que tamén comentou a enorme complexidade no que isto resulta, alén de que se poidan facer as dúas cousas asemade. «Aínda que poidamos facer os dous trámites ao mesmo tempo, que poderíamos, falamos dun proceso que poder durar nove meses, e non o podemos permitir dada a cantidade de actividades programadas para o Teatro Principal».

O Concello de Pontevedra decidiu así resolver o contrato, iniciar un contrato menor que permitirá a creación duns novos baños dentro do Principal e permitir de tal xeito o uso do equipamento cultural namentres non é licitado o novo contrato. «Poderemos programar dentro destas instalacións este ano 2022. Foi unha decisión moi complexa, pero puxemos enriba da mesa intentar non demorar os procesos administrativos e permitir, ao tempo, programar no Teatro Principal, algo básico para nós. Namentres non se fai o contrato menor dos baños, evidentemente o edificio permanecerá pechado e sen actividade. Estimamos, de xeito moi cauteloso, que estas obras deberían durar mes ou mes e medio. Así, poderíamos pensar que o Teatro Principal volvería abrir para comezos do verán».

No referente á obra dos colexios, que estaba dividida en dous lotes, na que Acevi era beneficiaria dos colexios da zona norte, mais neste caso non houbo unha formalización do contrato, polo que pode ser adxudicada a seguinte empresa postulada no concurso, polo que o traspaso directo si é posible neste caso.