Benestar Animal pon en marcha a distribución dos carnés con códigos QR deseñados para identificar aos voluntarios que coidan das colonias felinas do concello

76
  • A identificación dos responsables das colonias responde a un imperativo legal, posto que a actual normativa autonómica non permite a alimentación de animais abandonados nas vías públicas sen a correspondente autorización municipal
  • Mediante estes ‘DNI gatunos’, que os voluntarios poden retirar no Servizo de Medio Ambiente, a Policía poderá identificar con facilidade ás persoas concretas responsables da vixilancia do estado de saúde e a manutención dos animais

A Concellería de Benestar Animal, que dirixe o socialista Marcos Rey, acaba de poñer en marcha a distribución dos carnés con códigos QR deseñados polo seu departamento para identificar aos arredor de 50 voluntarios que se encargan da alimentación e coidado das colonias felinas existentes no noso municipio. Estes carnés, que poden retirarse desde hoxe no Servizo Municipal de Medio Ambiente, permitirán que a Policía poida identificar con facilidade ás persoas concretas responsables da vixilancia do estado de saúde e da manutención dos animais que conforman cada unha das 103 colonias existentes no noso municipio (e que albergan a máis de 800 gatos silvestres).

O propio Marcos Rey entregou esta mañá a vari@s voluntari@s na oficina situada no número 2 da rúa Churruchaos (1º andar) estes ‘DNI gatunos’, cuxa expedición “responde ao estrito cumprimento da lexislación vixente neste eido”. “A identificación dos responsables das colonias felinas resulta imprescindible por imperativo legal. A actual normativa autonómica de Protección e Benestar dos Animais de Compañía non permite a alimentación de animais abandonados vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, agás en situacións que poidan comprometer o benestar dos animais, é dicir, só de xeito excepcional. No caso de Pontevedra, a alimentación e control das colonias están xestionados en colaboración coas asociacións Difusión Felina e Huellas Felinas e tamén coa axuda dalgúns veciños voluntarios”, lembrou o concelleiro do PSOE.

Para realizar unha correcta identificación e outorgamento dos permisos, a Concellería de Benestar Animal encargou previamente a Difusión Felina a elaboración dun censo de colonias felinas (presentado a finais do ano pasado), que se converteu nunha ferramenta esencial para coñecer a evolución do estado de saúde de cada asentamento de gatos, incrementar a eficacia do plan CES (Captura, Esterilización e Solta) do Concello e facilitar o labor de control por parte dos técnicos municipais. Tal e como salientou Marcos Rey, “grazas a este ‘padrón gatuno’ dispoñemos por primeira vez dunha fotografía real do número de animais e da ubicación exacta das colonias (elaborouse un mapa de situación) e temos identificadas cun carné ás persoas concretas que se encargan da súa xestión directa no que atinxe a alimentación e coidado”.

Na súa opinión, tanto o censo como os ‘DNI gatunos’ supoñen “importantes pasos adiante para desenvolver un labor planificado e unha verdadeira coordinación entre os técnicos do Concello e os colectivos e voluntarios que levan anos traballando no coidado de gatos salvaxes de colonia, gatos domésticos abandonados, gatos que caen das ventás, atropelados ou feridos”. “Estamos a poñer as bases -sinalou o concelleiro de Benestar Animal- para establecer un protocolo conxunto e ben coordinado de actuación, implicando a colectivos, voluntarios, técnicos municipais e Policía Local”.

Non obstante, aínda que o estado das colonias está bastante controlado na cidade e no barrio de Monte Porreiro, a situación resulta máis complexa en zonas rurais como San Andrés de Xeve, Campañó, Lourizán, Marcón ou Estribela.