O Laboratorio da Infancia celebra mañá na Casa das Campás unha nova sesión pública para presentar as conclusións do seu Lab Cultura

8

O proxecto Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación con financiamento nun 80% polo Fondo Europeo Feder a través da Estratexia de Desenvolvemento Sostible Integrado (Edusi), celebrará mañá na Casa das Campás, entre as 19:00 e as 20:30 horas, unha nova sesión pública para presentar as conclusións do grupo de traballo do Lab Cultura. O coloquio, pensado para que a cidadanía poida achegar as súas opinións e ideas neste eido, será presentado por Eulalia Agrelo, directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración e vicedecana de Relacións Institucionais do Campus de Pontevedra.


Xunto con Agrelo, conformaron a Mesa de Traballo de Cultura os seguintes profesionais: 


– José Manuel Rey García, director do Museo de Pontevedra, arqueólogo e especialista en xestión do patrimonio arqueolóxico e en arte rupestre prehistórica. 

– Gonzalo Maceira Hermida, director da Escola de Artes Estudo Bonobo. 

– Mª Covadonga Barreiro, doutora en Belas Artes pola Uvigo, artista e profesora asociada no departamento de Escultura da Uvigo. 


Tal e como lembra o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, o programa Laboratorio da Infancia “ten un claro carácter participativo, polo que na elaboración desta estratexia para a infancia non pode faltar a opinión dos cidadáns”. “Estas sesións públicas buscan expoñer as propostas e conclusións dun proceso de traballo con 20 profesionais da educación e de distintos eidos: cultura, espazo público, sociedade, medio ambiente e vida saudable. Partimos dunha análise da situación actual do concello e definimos o Plan de Acción, que logo puxemos en común coa comunidade educativa de diferentes centros escolares. Agora queremos recoller tamén a voz do resto da sociedade”, apunta Fernández.