Gaming na Rúa regresa cunha segunda edición na que xogadoras e xogadores da cidade poderán medir a súa habilidade

93
Alén da parte competitiva tamén haberá unha mostra de consolas retro, unha estación de realidade virtual e un posto de Sim Racing
A xornada será desenvolvida no Centro Leste, o sábado 9 de abril, ao longo de todo o día  

Organizada pola asociación pontevedresa Gaming Troop coa colaboración do Concello de Pontevedra, a segunda edición do Gaming na Rúa será unha realidade nuns poucos días. A nova xornada incluirá un torneo de Super Smash Bros. Ultimate con 40 prazas individuais e 20 prazas para equipos; unha estación onde probar o xogo de realidade virtual Beat Saber, un posto de simulación de carreiras de Sim Racing e diversas consolas retro da man da asociación estradense Ocionautas.

Gaming na Rúa pretende ser un punto de encontro para os amantes dos videoxogos, unha cita interxeracional para os xa iniciados no mundo dos polígonos e os píxeles, mais tamén para os que sintan a curiosidade de ver e probar sorte nalgún dos torneos que propoñen desde Gaming Troop.

As participantes do torneo de Smash Bros. Ultimate deben proceder co seu rexistro a través da páxina web www.smash.gg/further-east e pagar 2 euros de inscrición para competir en solitario ou un euro por persoa para competir por equipos.

En total haberá 300 euros a repartir entre os sete primeiros postos, que levarán unha cifra fixa máis unha porcentaxe do bote da inscrición.

Tal e como sinalan desde a asociación pontevedresa, alén deste torneo, non será precisa ningunha inscrición para xogar co resto de consolas, nin existe un mínimo de idade establecido. Serán respectadas todas as medidas sanitarias actuais, coma o uso da máscara en interior e tamén haberá xel hidroalcólico a disposición dos presentes.

A xornada comezará ás 10.00 horas do sábado 9 de abril, no Centro Leste, para finalizar co final do día. O Concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, sinala que esta é unha nova oportunidade para desfrutar «do ocio dixital dun xeito socializador e colectivo, obtendo ademais unha visión global das diferentes formas no que este pode ser gozado: realidade virtual, simulación, consolas…». «Cremos que é importante integrar os videoxogos na programación da cidade, complementando a de programas xa máis coñecidos e integrados como Noites Abertas; maís aínda tendo en conta o éxito da primeira edición que celebramos na Casa da Luz e que contou cun grande ambiente, con xogadores e xogadoras de todas as idades que se achegaron até o lugar», finaliza o edil.