Pontevedra recibe o convite do Consello da Unión Europea para participar nun foro internacional sobre os centros das cidades

77
A cita terá lugar entre o 28 e o 29 de xuño en Estrasburgo e a Boa Vila participará nunha das mesas redondas previstas sobre a creación de cidades máis amábeis como referente neste eido 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou esta mañá a recepción dun convite emitido polo Consello da Unión Europea para participar nun foro sobre os centros das cidades que se celebrará no parlamento de Estrasburgo o 28 e o 29 de xuño. 

«É un foro que se celebra no marco dunha preocupación mundial pola situación das cidades», explicou o rexedor. «Contaminación, ruidos, falta de accesibilidade, perda de poboación e de dinamismo social… Son elementos que requiren de solucións. A min, como alcalde de Pontevedra, que podo dicir, é un orgullo moi grande que a cidade sexa cada vez máis referente para o mundo».

O alcalde fixo fincapé na idea de que Pontevedra non é só un referente só teórico, Senón que logrou poñer en marcha un proceso de transformación real, aplicado sobre o terreo con éxito. «Coido que son moitos anos nos que levamos desenvolvendo un proxecto testado polo que recibimos cada vez máis visitas, cada vez máis mostras de interese en coñecer o que logrou a cidade, o que fixemos todos».

Fernández Lores sinalou que, ao igual que en ocasións pasadas e citas semellantes, o Concello está a traballar xa na complementación desta viaxe con outros encontros que poidan ser de interese para Pontevedra, con diferentes autoridades da Unión Europea e expertos na materia a tratar no foro. En principio, o nome da mesa redonda que conta na que participará o alcalde leva por título Mobility and pedestrianization: how to make our European city centers more accesible and pleasant? [Mobilidade e peonización: como facer máis accesíbeis a agradábeis os centros das nosas cidades europeas?]. Porén, aínda non están confirmados os outros nomes que participarán nesta.

O convite por parte do organismo europeo volve por sobre a mesa a referencialidade de Pontevedra e o fondo respecto e interese que esperta no resto do continente e máis aló; tal e como demostran os premios recibidos ao longo dos últimos anos ou a participación en diversos foros e citas sobre a búsqueda dunha mellor calidade de vida para as persoas a través de procesos de transformación urbana sostíbeis.