O Laboratorio da Infancia exporá mañá pola tarde á cidadanía nunha sesión pública na Casa das Campás as conclusións e propostas do seu Lab Espazo Público

44

Trala exposición das propostas do Lab Sociedade a pasada semana, o proxecto Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación con financiamento nun 80% polo Fondo Europeo Feder a través da Estratexia de Desenvolvemento Sostible Integrado (Edusi), continuará mañá pola tarde na Casa das Campás (sede da Vicerreitoría do Campus Universitario de Pontevedra), ás 19:00 horas, co ciclo de sesións públicas destinadas a presentar as conclusións das súas Mesas de Traballo ou Lab’s. Nesta ocasión, o foro, co que se pretende fomentar a participación pública no deseño da cidade do futuro para a nosa infancia, centrarase nas achegas realizadas polo grupo de expertos do Lab Espazo Público, que serán explicadas pola arquitecta Mar Penela López, que desde 2017 imparte formación centrada na Arquitectura e a Educación e que conta cun Mestrado en Investigación Arquitectónica.


Xunto con Penela, conformaron esta Mesa de Traballo os seguintes profesionais:


–Luis Arceo Vilas: licenciado en Filoloxía Hispánica e diplomado en Maxisterio, leva 26 anos impartindo ensinanzas desde 2º de Bacharelato a Educación Primaria. Relator de cursos de Formación do Profesorado e con experiencia en dirección de centros, actualmente é director do CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos de Pontevedra. 


–Gracia Amandi Joglar: arquitecta pola Escola Ténica Superior de Arquitectura de Coruña coa especialidade de Urbanismo. Traballou desenvolvendo proxectos de vivenda en México, República Checa e España, o que a levou a formar parte do Comité Redactor das Normas do Hábitat Galego en 2008. En 2004 funda en Pontevedra, co seu socio Jorge De Uña, o estudio Uña + Amandi Arquitectura. 


–Rogelio Carballo Solla: arquitecto e presidente de Confapa Galicia desde 2016 e da Fanpa Pontevedra desde 2013, onde proporciona apoio ás Anpa facendo actividades de formación, defendendo os intereses do sistema de ensino público, representando a nais e pais nas instancias administrativas e xestionando servizos e proxectos de mellora educativa. 


Tal e como lembra o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “os Lab’s son Mesas de Traballo compostas por grupos de profesionais expertos nas diversas áreas que, desde o pasado mes de novembro, mantiveron reunións no Pazo da Cultura para realizar o diagnóstico da situación do concello de Pontevedra e a súa infancia”. “Dado que as súas propostas pretenden construírse de xeito colaborativo -sinala o edil do PSOE- estas sesións públicas permítennos abrir o debate no seo da cidadanía e recoller as súas achegas. O obxectivo é que os asistentes poidan facer suxestións e comentarios que poderán engadirse no deseño da estratexia final”.


Están previstos novos outros foros na Casa das Campás para as seguintes datas:


– 31 de marzo, Lab Cultura
– 4 de abril, Lab Medio Ambiente
– 7 de abril, Lab Vida Saudable