A Concellería de Igualdade pecha esta tarde na Casa das Campás o seu ciclo de Faladoiros Feministas do 8M cun coloquio literario protagonizado por María Xosé Porteiro e Sara Vila

10

A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, presentará esta tarde ás 19:00 horas na Casa das Campás o Faladoiro Literario Feminista (o último do ciclo organizado con motivo do 8M) protagonizado por María Xosé Porteiro e Sara Vila arredor das súas obras Cobardes e Oito días sen Eva Cortes. O coloquio poderá seguirse de xeito presencial e en streaming a través do seguinte enlace: https://youtu.be/Tp5VUFYnypk.


Segundo avanza Yoya Blanco, “o Faladoiro empregará estas dúas obras como escusa para conversar sobre literatura, xornalismo e as múltiples violencias machistas que sufrimos as mulleres”. “A tódalas persoas que o seguirán en streaming, animámolas a deixar os seus comentarios e preguntas no chat (o vídeo gravado quedará a disposición na páxina web do Concello a partir de mañá)”, sinala a edil do PSOE.

Blanco asegura que “o Concello, e moi especialmente a Concellería de Igualdade, sentimos como propios cada un dos éxitos de Sara Vila, porque ademais de escribir moito e ben sobre igualdade, feminismo e violencia machista, sempre colaborou con nos en todo o que lle pedimos, desde redactar e ler o manifesto institucional polo 25 de novembro de 2020 ata moderar un dos faladoiros literarios de 2021; e tamén vivimos con moito orgullo a presenza de María Xosé Porteiro, unha muller valente á que non lle asustan os retos nin as responsabilidades e que leva o feminismo por bandeira en tódolos seus cargos”. “E hai que dicir -engade a concelleira- que as nosas dúas convidadas de hoxe participaron en sendas edicións do foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’, María Xosé en 2019 e Sara no 2020”.

María Xosé Porteiro García é licenciada en Publicidade, xornalista, escritora e política. Traballou en El Pueblo Gallego, La Voz de Vigo, Radio Popular, La Voz de Galicia, Tiempo e El País e tamén dedicou boa parte da súa carreira profesional á comunicación corporativa. Como política empezou como concelleira do PSdeG en Vigo, onde foi tenente de alcalde en dúas ocasións. Tamén foi deputada no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados. Ademais, foi delegada da Xunta na Arxentina e membro das Asembleas Parlamentarias do Consello de Europa e da Unión Europea Occidental, así como membro electivo do Consello da Cultura Galega. Actualmente e desde 2019 é adxunta á Valedora do Pobo.


Como escritora de novela e ensaio, destaca por un lado a súa participación en múltiples obras colectivas (unha das últimas é Libres e Vivas, sobre a que se organizou un dos faladoiros literarios de 2021, con Elisabeth Oliveira), e dentro da novela as obras Covardes/Cobardes, publicada en 2001 en galego e traducida e publicada en castelán en 2021, e Sándalo (2019), ficción histórica que percorre douscentos anos de historia entre Galicia e Cuba.


Sara Vila Alonso é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou como xornalista no Diario de Pontevedra desde 2012 ata este ano. Agora é a responsable de Comunicación de Edicións Xerais de Galicia. No eido do xornalismo foi recoñecida co segundo premio Comunicar en Igualdade 2019 polo artigo ‘O noso toque de queda’.


Como autora acadou en 2016 o primeiro premio no Certame Literario Viadutos de Redondela polo relato ‘Adeus, María’.  Oito días sen Eva Cortes é a súa primeira novela, coa que gañou o Premio Illa Nova de Narrativa 2021.