As estradas pontevedresas volverán vibrar coas mellores ciclistas da Península o vindeiro domingo 27 de marzo coa celebración do Gran Premio Cidade de Pontevedra 2022

331

As mellores ciclistas da Península Ibérica daranse cita nas estradas pontevedresas o vindeiro domingo 27 de marzo coa celebración do Gran Premio Cidade de Pontevedra 2022, que será a segunda proba puntuable para a Copa de España de Ciclismo Feminino (Féminas Cofidis). A competición, organizada pola firma Noko 360 e a Federación Galega de Ciclismo en colaboración coa Deputación Provincial, a Xunta e os concellos de Pontevedra e Marín, disputarase nas categorías Cadete, Júnior, Máster, Elite e Sub 23 e contará coa participación de máis de 400 deportistas procedentes de toda a xeografía española e de Portugal.


As participantes deberán completar un atractivo percorrido entre Pontevedra e Marín que contará cunha única cota de montaña que marcará as diferencias: o Alto da Porteliña, de terceira categoría e con pendentes que superan o 12% de desnivel. As carreiras desenvolveranse durante toda a mañá, iniciándose ás 9:00 horas a de categoría Cadete (de 44,2 kilómetros), ás 10:30 horas as de Júnior e Máster (de 65,4 kilómetros) e ás 12:45 horas as Elite e Sub 23 (de 99 kilómetros). Tódolos percorridos terán a súa liña de saída e a súa meta na avenida das Corvaceiras e discorrerán polas estradas N-550, PO-12, PO-11 (avenida de Marín), EP-1201 e PO-551.


O evento foi presentado esta mañá na Praza de España nun acto no que participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López; os deputados provinciais Gorka Gómez, Victoria Alonso e Ana Laura Iglesias; o director da proba, Serafín Martínez, e un grupo de ciclistas que competirán neste Gran Premio: Clara Álvarez, do Team Oiense Women; Claudia García, Sabela Rey, Carla Fernández e Sonia Domínguez, do Team Farto – BTC, e Diana Pedrosa e Cristina Torres, do Kiwi Atlántico Louriña.


Durante a súa intervención, o rexedor municipal manifestou a súa satisfacción polo feito de que Pontevedra confirme con esta proba que “segue a ser a cidade do deporte e a capital ciclista de toda España e de parte de Portugal, de toda a Península Ibérica”, reunindo a máis de 400 deportistas e a uns 25 clubs, “entre eles o Farto, recentemente creado”. “Nós hai moito tempo que apostamos polo deporte como algo que ten que ver coa saúde, o deporte de base e os clubs, pero tamén coa actividade económica arredor destes eventos. O máis importante será a Gran Final dos Mundiais de Tríatlon do ano 2023, probablemente un dos máis relevantes de todo o Estado. Será a primeira vez que unha cidade de 80.000 habitantes capital de provincia celebra unha proba destas características (as 12 anteriores foron en urbes de máis de 500.000 habitantes)”, subliñou Fernández Lores.


Tal e como explicou Serafín Martínez, este Gran Premio, co que se pretende “relanzar o ciclismo feminino, que tanta falta lle fai”, é unha das oito probas puntuables da Copa de España “e a segunda que se celebra este ano (a primeira foi a semana pasada no País Vasco)” e contará cun 90% de participantes de fóra de Galicia e de Portugal. O director da carreira indicou que o percorrido será semellante ao da primeira edición, “que gustou moito a corredoras e equipos”, tendo como punto ‘quente’ o Alto da Porteliña, “que marcará as diferencias”. “É unha oportunidade para que as ciclistas galegas poidan competir -afirmou- e comparar o seu nivel con respecto ás ciclistas nacionais”.


Homenaxe a Magín Froiz

Martínez avanzou ademais que, na saída da proba, faráselle unha homenaxe coa presenza dos seus tres fillos ao recentemente falecido Magín Froiz, “que foi unha persoa clave para o ciclismo galego e que o merece todo por parte do deporte pontevedrés e galego”.


O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Pontevedra asegurou que o ciclismo “é un deporte que está tendo un crecemento moi importante” e o Concello quere apostar de xeito decidido por probas como esta “que supoñen un pulo necesario ao deporte feminino”. En opinión de Tino Fernández, “o tamaño da cidade e a capacidade de organización acadada ao longo destes anos” converten a Pontevedra nunha cidade idónea para a celebración deste tipo de eventos, “que favorecen a activación da actividade física e o deporte nunha cidade que posúe máis de 60 clubs e unhas escolas deportivas con máis de 2.000 nenos e nenas, practicamente ao 50%”. “A cidade é a mellor instalación deportiva que temos -apuntou o edil socialista- e hai que aproveitala”.


Pola súa banda, Luis López salientou que “Galicia é unha potencia en deporte feminino, da cal nos temos que sentir orgullosos”, acollendo a primeira Volta Ciclista a España Feminina, “que foi un impulso e que permitiu poñer en valor o deporte feminino”. Na súa opinión, este Gran Premio Cidade de Pontevedra “suporá unha importante proxección do concello de Pontevedra, da provincia e, por suposto, de Galicia, en pleno Ano Xacobeo”. “Este Concello é un exemplo de organización de probas de alto calado deportivo”, dixo o delegado da Xunta.


Pechou o acto de presentación a presidenta da Deputación, quen sinalou que “o deporte é imprescindible para construír unha sociedade cohesionada, saudable e que saiba traballar en equipo” e que “Pontevedra é un referente na organización de eventos deportivos que, ademais de promover o deporte a nivel galego e nacional, teñen un enorme poder de atracción de persoas que nos veñen visitar e que, cando coñecen esta cidade e esta provincia namoran delas e regresan”. “Apostar polo deporte é apostar por avanzar e eu quero aplaudir moitísimo ás mulleres valentes, fortes e decididas que, fronte a tódalas dificultades que hai, tamén no deporte, non se poñen límites, póñense en pé, dan un paso cara adiante e compiten. Hai 100 anos as mulleres non podían competir a nivel deportivo e hoxe son as que nos están a dar os maiores éxitos deportivos”, afirmou Carmela Silva.


Para Silva, “hai que seguir apostando por estes grandes eventos e por probas escritas con nome de muller, escritos por certo con letras de ouro”.