O Concello de Pontevedra súmase á conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down coa instalación dunha pancarta conmemorativa no Consistorio e convidando aos pontevedreses a fotografarse pola inclusión

22

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e os edís Iván Puentes, Yoya Blanco e Carme Fouces participaron esta mañá no balcón da Casa Consistorial, xunto co presidente da Asociación Down Pontevedra Xuntos, Manuel Pérez Cabo, e a coordinadora do colectivo, Paula Villaverde, no acto de despregue da pancarta conmemorativa do 21 de marzo, Día Mundial da Síndrome de Down. Coa finalidade de concienciar á sociedade pontevedresa sobre a importancia da inclusión das persoas coa Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e de implicala neste cometido, a campaña deste ano tamén inclúe a colocación de marcos para photocall na Praza da Peregrina, as inmediacións do Hospital Provincial e na rúa do Gorgullón, a carón da sede de Xuntos, coa intención de convidar a todas aquelas persoas que o desexen a sacar unha fotografía e a compartila nas súas redes sociais mencionando á Asociación e incluíndo o hashtag #inclusion.


Ata estes photocalls xa se achegaron diversos persoeiros públicos como o actor David Amor; a influencer Natalia Maquieira; o alcalde; o concelleiro de Benestar Social, ou o blogueiro Alberto Rivas. Profesionais e persoas usuarias de Xuntos tamén estarán nos CEIP Santo André de Xeve e San Martiño (Salcedo) para sensibilizar aos nenos e nenas destes colexios sobre o moito que as persoas coa Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poden ofrecer á sociedade.


Ademais, o vindeiro 30 de abril, Xuntos participará en A Hora do Conto, unha actividade organizada por Pavís Pavós en colaboración co Concello, e tanto a Casa das Campás como o Pazo Provincial estarán iluminados de azul e amarelo nesta tarde noite (ao igual que varios dos principais monumentos e edificios das principais urbes galegas).