Aprobada a licenza urbanística para a construción da nova residencia para maiores na parcela da Unidade 18

419
O Concello de Pontevedra tramitou a solicitude apenas uns días despois de recibir a documentación requirida á Xunta de Galicia logo de detectar unhas deficiencias agora resoltas
A realización do proxecto conta cun orzamento aproximado de doce millóns de euros segundo informou a Fundación Amancio Ortega, entidade que porá os fondos 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, informou esta mañá da aprobación en Xunta de Goberno  da licencia urbanística da construción da nova residencia para persoas maiores na parcela da Unidade 18. Seguindo o comunicado o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores a semana pasada, unha vez resoltas as deficiencias por parte do organismo autonómico, nesta ocasión a través da Fundación Amancio Ortega, o Concello puido continuar coa tramitación e a posterior concesión de licenza.

Gulías lembrou que esta será unha residencia de 120 prazas, distribuída en 42 cuartos dobres e 36 cuartos individuais. A parcela da Unidade 18 conta con preto de 5.000 metros cadrados —segundo o estudo topográfico realizado polo Concello, 5.120,80 metros cadrados, algo superior ao indicado polo Catastro—. O edificio non ocupa toda a parcela; ocupando a súa  planta baixa 3.247 metros cadrados, polo que quedarán case 2.000 de zonas libres. A superficie total construída será de 9.285,02 metros cadrados.

Segundo os datos ofrecidos no seu día pola Fundación Amancio Ortega, a construción deste proxecto terá un orzamento de doce millóns de euros que procederán de xeito íntegro dos seus fondos, grazas a un convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia.