A Estación de Tratamento de Auga Potable de Lérez contará cunha central de produción eléctrica que permitirá o auto abastecemento enerxético da mesma

35
Trátase dun proxecto conxunto entre Viaqua e Concello que abrirá á porta a contar cunha instalación de cero emisións, alimentada dun xeito sostíbel e con enerxía non contaminante
A posta en marcha da turbina depende dun último paso como é o permiso pertinente da Consellería de Industria, xa solicitado

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, informou esta mañá do proxecto realizado por Viaqua e o Concello de Pontevedra para implantar un sistema de xeración hidráulica na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) do Lérez, mediante a instalación dun equipo de bomba funcionando como turbina e os seus accesorios hidráulicos, o que permitirá transformar a enerxía potencial dispoñíbel na instalación e aproveitala no consumo da mesma ETAP.

Na práctica, esta mini central proporcionará entre o 85 e o 100 % de enerxía consumida na Estación de Tratamento. A variación da enerxía xerada dependerá en exclusiva da dispoñibilidade de caudais no encoro do Pontillón do Castro, que a súa vez só depende da pluviometría, xa que en ningún caso empregará auga distinta nin adicional.

A produción enerxética da nova central estará preto do consumo da ETAP, polo que se poderá considerar que é unha instalación de balance de CO2 Cero a través do uso dunha fonte de enerxía renovábel, limpa e non contaminante.

«Teremos unha ETAP que xere a súa propia enerxía eléctrica; un avance significativo no que non foi necesario facer ningunha ampliación da edificación», explicou Gulías. O custo do proxecto foi de 320.000 euros. «É interesante ver como este encoro, a nivel histórico, foi avanzando sempre para mellor. Primeiro iniciando a súa historia como unha instalación de abastecemento no ano 1955, logo como espazo deportivo no 2007 e este 2022 xerará a súa propia enerxía».

O proxecto encaixa no marco global establecido polo Concello de Pontevedra á hora de establecer un compromiso co medio ambiente a reducir as emisións de gases á atmosfera. Nese sentido, e tendo en conta a actual situación de emerxencia climática, de crise enerxética e de altos prezos no consumo da luz, esta mini central suporá un paso adiante e un aforro relevante para o municipio.

A portavoz do Goberno indicou que o último paso a posta en funcionamento desta turbina, xa instalada, é a autorización da Consellería de Industria, «que leva pedida desde hai tempo», en palabras da edil, que agarda poder poñela en funcionamento canto antes e «aproveitar todos os seus beneficios».

Cómpre sinalar que a produción de enerxía eléctrica neste lugar está pensada para uso e aproveitamento na propia instalación de potabilización, malia que, ao ser en ocasións maior a enerxía xerada que a consumida, pode ser preciso verter esta enerxía sobrante na rede eléctrica.