A diagnose do futuro PMUS de Pontevedra xa dá os seus primeiros froitos cuns datos «óptimos» sobre a bicicleta na cidade

16
A Boa Vila conta con máis de 400 prazas de estacionamento para bicis, que poderían ser ampliadas no caso de ser preciso 

O Concello de Pontevedra avanza na redacción do seu Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel  (PMUS) ao tempo que a fase de diagnose da creación deste documento achega datos relevantes sobre o funcionamento da cidade e ofrece os seus primeiros froitos en forma de interesantes conclusións

Unha delas é a situación na que se atopa a bicicleta na cidade, un vehículo sostíbel que ten un oco de seu na Boa Vila a través da convivencia decotío e que conta cuns datos «óptimos» tal e como se extrae desta diagnose na redacción do PMUS, en palabras do concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez.

A día de hoxe, Pontevedra posúe unha ampla rede de aparcadoiros de bicicletas que suman un total de 434 prazas distribuídas por toda a trama urbana e que facilita o uso deste vehículo. Lembra o edil de Mobilidade o PIllabici que funcionou entre os anos 2008 e 2011, cuxo obxectivo foi fomentar o uso da bici entre os pontevedreses, un obxectivo conseguido cando ao final do programa, a veciñanza xa usaba máis a súa propia bicicleta que as ofrecidas polo Concello.

«A partir dese momento, o Concello adoptou unha nova estratexia para a promoción da bicicleta. Xunto ao calmado de tráfico que fai que as bicis poidan circular con completa seguranza polas calzadas, pisouse a fondo o acelerador para aumentar o número de puntos de aparcadoiro e a discriminación positiva fronte a outros vehículos», sinala Gómez. Na actualidade, a cidade conta cun aparcadoiro de bicicletas por cada 150 habitantes.

A distribución dos puntos de aparcadoiro foi facéndose priorizándose as zonas da cidade que atraen persoas susceptíbeis de usar este vehículo. Así hai 150 puntos achegados aos centros educativos, 60 en parques e zonas verdes, 50 en equipamentos deportivos e 57 noutros equipamentos, tanto sanitarios como administrativos. No outro estremo dos posíbeis percorridos que se fagan en bicicleta, 144 prazas están en zonas residenciais. Para favorecer a intermodalidade tamén hai 20 prazas de aparcadoiro repartidas nas estacións de autobuses e trens.

Segundo explica Gómez, a día de hoxe «estes estacionamentos teñen unha utilización en xeral alta,  como se pode comprobar cunha inspección visual», porén, o Concello non descarta ampliar a rede no caso de detectar novas necesidades.