O Concello de Pontevedra publica o bando que fai definitivo o peche ao tráfico a motor na rúa Raíña Vitoria

47
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu con representantes da Federación de Asociacións de VeciñosCastelao de Pontevedra que amosaron o seu apoio a un proxecto que entra de xeito natural no modelo Pontevedra e prevé as obrigas europeas que chegarán no 2023 coas zonas de baixas emisións
Está prevista unha actuación en toda a rúa para dotala de plataforma única, para logo iniciar a instalación dun mobiliario especial para a creación dun skatepark  

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu este mediodía logo de proceder coa sinatura e posterior publicación do bando municipal que fai definitivo o peche ao tráfico a motor en toda a rúa Raíña Vitoria; declaración na que estivo acompañado por representantes da Federación de Asociacións de Veciños Castelao e que amosaron o seu apoio público ao proxecto.

«O motivo principal do corte definitivo de Raíña Vitoria é o de limitar tráficos de paso e axitación que había na cidade e que dalgún xeito distorsionaban o modelo de cidade de Pontevedra. Cando falamos de modelo falamos de recuperación de espazo público, de quitar vehículos excesivos, dunha menor contaminación, de menos gases, de accesibilidade universal, maior seguridade viaria, unha aposta polo comercio local e un maior dinamismo económico», sinalou o rexedor. «Quero agradecer o posicionamento da Federación Castelao, que entende que este corte, que se fixo xa na pandemia, era necesario e imprescindíbel e ao mellor non fomos quen de explicalo ben naquel intre. Hai unha redución notable de tráfico en toda a contorna, que contaba con tráficos de ida e volta que xeraban problemas e para os que temos alternativas de circulación».

Fernández Lores lembrou que estes tipo de cambios, que se levan facendo durante máis de dúas décadas na cidade, poden ser nun principio mal entendidos, ao ser os condutores «moito de costumes e sempre imos polo mesmo sitio». «A xente tamén tiña antes a tendencia a ir por Michelena ou pola rúa Real, ou pola Ferraría… O enfoque é este, facer unha cidade mellor para as persoas. E non podemos esquecer un feito fundamental: a obrigatoriedade, nun espazo moi curto de tempo, de crear zonas de baixas emisións e, se ben o Concello de Pontevedra e as Cidades que Camiñan estamos loitando por buscar alternativas, as dúas alternativas do borrador que saen na Lei de Cambio Climático falan de dúas alternativas: cobrar ou cobrar; ben por entrar na cidade, ben mercando un coche con etiqueta eco nun momento de crise económica. Nós cremos que hai alternativas diferentes, como a redución de tráficos innecesarios até os mínimos para que a cidade funcione».

Doutra banda, o alcalde tamén sinalou que a rúa recibirá «o máis rapidamente posíbel» unha actuación que a dotará cunha plataforma única para logo ser instaladas unhas dotacións provisionais —no sentido de que poderán ser quitadas con facilidade polos técnicos no caso de ser preciso ese espazo para eventos como as Festas da Peregrina ou outras citas— para a práctica deportiva urbana como o skate.

Ademais, tamén se modificará o sentido de circulación nas rúas Ribeira dos Gafos e Ribeira dos Peiraos, unha medida que previsiblemente reducirá o tráfico da rúa dos Palamios, que vira aumentada a porcentaxe de tráfico ao longo dos últimos meses. A rúa que hoxe é de entrada pasará a ser de saída e viceversa. O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, comentou que esta medida crea un sentido lóxico de circulación «semellante ao dunha redonda» e que fará que o tráfico do porto, que até agora entraba directo a Palamios, teña que facer un percorrido distinto. «Para os veciños de Palamios son 150 metros máis de circulación, mais con este cambio estamos convencidos de que gañarán calidade de vida e que non estaba preparada para asumir este volume de tráfico». 

Desde a Federación de Veciños Castelao lembran que eles sempre apoiaron o peche inicial na pandemia ,«xa naquel momento fixemos público o noso apoio e agora o que fixemos foi agardar a ter os datos e os documentos que permiten confirmar que a cidade gaña con este corte, como os informes da Policía Local, de tráfico… Chegamos a conclusión de que nos parece fundamental este corte polo simple feito de que a maioría do tráfico que existía aí era de paso, e ese é un tráfico que pode circunvalar Pontevedra, polo norte ou polo sur», explicou Juan Manuel Loureiro, presidente da Federación Castelao.

«Entendemos que as medidas que se están a tomar son as axeitadas e que cumpren co modelo de cidade que desde o inicio, hai moitos anos xa, apoiou contra vento e marea e o tempo acabou por nos dar a razón. Entendemos que este peche segue o modelo, pensando xa no tema das baixas emisións que obigrará a tomar medidas en todas as cidades de máis de 50.000 habitantes», continuou o presidente. «Nós queremos tentar transmitirlle aos veciños e veciñas que vivimos nunha cidade que entra dentro dese campo de poboación, que é capital de provincia, e que non temos a problemática doutras vilas máis pequenas. Debemos tomar unhas decisións que se están tomando xa e que compartimos. Os veciños e veciñas de Pontevedra, e mesmo doutros concellos limítrofes, non pode ser que se vexan obrigados a mercar un coche eléctrico ou a pagar un imposto por cruzar pola cidade. Pensando nos veciños de Pontevedra, esta medida é boa».