Deportes dota ás pistas de Campolongo de campo de fútbol sala e xa ten en marcha a contratación das canastras para as novas canchas de baloncesto 3×3

210

Ao tempo que continúan a manterse conversas coa firma concesionaria do Complexo Deportivo BeOne para que solucione os problemas estruturais que afectan ás pistas deportivas situadas na cuberta das piscinas, a Concellería de Deportes ten en marcha un conxunto de actuacións destinadas a optimizar as súas condicións de cara á práctica de diferentes disciplinas deportivas. O departamento que dirixe o tenente de alcalde, o socialista Tino Fernández, finalizou esta mesma mañá as obras que permitiron dotar ás pistas de Campolongo dun campo de fútbol sala. Os traballos, realizados con man de obra municipal e un investimento duns 4.100 euros, consistiron no pintado da nova cancha e na instalación de dúas porterías da marca Mondo cun novidoso sistema antivuelco.


Tal e como explica Tino Fernández, “o Servizo Municipal de Deportes xa iniciou tamén o procedemento de contratación do proxecto para crear neste espazo dúas canchas de baloncesto 3×3 coas súas respectivas canastras (subministradas pola firma B2 Sport)”. “Estes traballos de pintado e instalación das canastras terán un custe duns 12.500 euros. Serán tamén executadas mediante man de obra municipal e agardamos que se poidan materializarse no que resta de mes”, indicou o edil do PSOE.


En paralelo, a Concellería de Deportes está a manter conversas coa comunidade educativa do CEP Campolongo de cara a dotar dunha zona de xogos populares e tradicionais para uso e desfrute dos rapaces á zona das pistas máis próxima ao colexio. Segundo apuntou Tino Fernández, “estase a estudar co centro educativo a mellor fórmula para acometer o pintado desta área de xogos, sexa pola vía da contratación dunha empresa ou ben mediante a subministración de materiais para que o propio colexio o realice como proxecto integrador, coa implicación de alumnado e comunidade educativa”.