O Concello tramita a proposta de adxudicación para a renovación do alumeado exterior de Alba, Campañó e Cerponzóns

9
Doutra banda, reclámalle á Xunta que teña en conta as administracións locais á hora de permitir modificacións nos prezos de obra pública por mor do novo contexto derivado da pandemia e a guerra en Ucraína

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá de luns da Xunta de Goberno celebrada á primeira hora. Entre as cuestións tratadas na sesión local, destacou a posta en marcha da tramitación da proposta de adxudicación para a renovación das instalacións do alumeado exterior das parroquias de Alba, Campañó e Cerponzóns; por un importe de 1.452.078,82 euros, recaendo os traballos na empresa Setga. «É un investimento realmente importante, en consonancia coa aposta que este Concello ten e mantén pola mellora na eficiencia enerxética na iluminación pública. Levamos xa varios contratos deste estilo que permiten cumprir dous obxectivos: o medio ambiental e o económico, ao aforrar en ambos os dous sentidos», sinalou Gulías.

Este contrato súmase ao de outras parroquias que xa renovaron o seu alumeado e que, aos poucos, vén renovados e mellorados os seus sitemas e os seus puntos de luz. Neste caso terá un prazo de execución de seis meses.

Doutra banda, e dentro do mesmo eido, a adxudicataria do contrato de renovación do alumeado exterior das parroquias de Marcón e Mourente solicitou unha ampliación do prazo de execución da obra, que debería finalizar o 2 de xuño deste ano. A empresa, froito da pandemia e tamén froito da guerra en Ucraína, xa comunicou que comeza a ter problemas de abastecemento de aluminio, polo que precisará dous meses máis para rematar esta reposición.

Porén, o Concello de Pontevedra quixo aproveitar a ocasión para amosar e compartir a súa preocupación cos atrasos que están a suceder na obra pública. Xa comentado con anterioridade, Gulías lembrou que os novos contextos fan verdadeiramente difícil acometer en tempo as obras previstas, tanto pola escaseza de subministros como polo seu encarecemento de determinados produtos, o que complica a viabilidade económica e técnica das obras.

«É unha cuestión que realmente nos preocupa xa non como titulares, senón pola situación que moitas empresas pequenas e medianas, na que deben asumir os custes abusivos tanto de provedores como da enerxía necesaria para poñer en marcha os seus proxectos», sinalou a portavoz. «Xustamente, sobre este contexto, aparecen dúas modificacións lexislativas importantes: dunha banda polo Estado, co Real Decreto 3/2022, que prevé ou regular medidas excepcionais en materia de revisión de prezos nos contratos públicos de obras; e, doutra banda, a Xunta estableceu unha modificación dun decreto lexislativo que prevé que no caso de subidas excepcionais poidan ampliar a modificación dos límites máis dun 20 % nos contratos. En poucas palabras, establecen novos límites, máis altos, nos procesos de modificación dos prezos. Curiosamente, ningunha das dúas modificacións lexislativas teñen no seu eido de aplicación os Concellos, o que deixa unha situación realmente preocupante».

Gulías afirmou que a activación da obra pública ten un efecto multiplicador na economía local e, ademais, estas dúas modificacións semellan excluír o ámbito local porque non hai grandes multinacionais beneficiándose dos contratos das Administracións máis pequenas. «Así, reclamámoslle á Xunta que deixe a porta aberta e que faga as modificacións pertinentes para que os Concellos poidan dunha maneira eficaz, segura e con garantías revisar os prezos en obra pública. Hai moita pequena e mediana empresa que impulsa a súa actividade económica grazas ás administracións públicas, e esta é unha boa vía para paliar os adiamentos nas actuacións».

O Concello de Pontevedra aproba catro licenzas de demolición

Outro dos asuntos tratados na Xunta de Goberno foi o impulso levado a cabo pola área de Urbanismo, dirixida por Xaquín Moreda, que cristalizou na aprobación de varias licencias de demolición.

Estas accións parten dun proceso de reorganización para mellorar o aspecto de diversas rúas que contan con edificios en malas condicións. É unha actividade interna que está dirixida a axilizar e mellorar os procesos de licencia de demolición e rehabilitación, e, desde hoxe mesmo, quedan aprobadas unha serie das primeiras: na rúa Rouco, na rúa Virxe do Camiño, na Barca, no lugar de Meán (Cerponzóns) e na rúa da Estación.

«Non todas van emparelladas a procesos de obra nova, mais nalgúns casos si está contemplada esta posibilidade», explicou Gulías. «En determinadas ocasións estes inmobles aparecen asociados a problemas de feísmos, como é no caso da rúa Virxe do Camiño, e debe ser o promotor de xeito libre quen toma a decisión de demolelo ou rehabilitalo».