O concelleiro Marcos Rey urxe á Xunta “a asumir canto antes a súas competencias de xestión da Unidade de Asistencia a Drogodependentes de Pontevedra”

84

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, amosou esta mañá o seu malestar ante “as inexplicables dilacións que a Xunta de Galicia está a manter para facerse coa xestión da Unidade de Asistencia a Drogodependencias (UAD) de Pontevedra” e esíxelle á Consellería de Sanidade e ao Sergas “que asuman canto antes as competencias que lles corresponden para garantir o correcto funcionamento desta Unidade”. O edil socialista lembra que a asunción das UAD por parte da Administración autonómica foi aprobada a principios de 2021 e que o Parlamento tamén aprobou por unanimidade o 20 de maio do ano pasado, en Comisión de Sanidade, unha proposta defendida pola parlamentaria do PSdeG Paloma Castro “para que, dada a súa situación, se lle dera prioridade á de Pontevedra”.


“O Parlamento aprobou instar á Xunta de Galicia a acordar coa Fegamp o mecanismo para iniciar o procedemento de incorporar ao Sergas os profesionais e servizos sanitarios de saúde mental que prestan os servizos dependentes das administracións locais, en concreto os relativos á Unidade de Atención a Drogodependencias de Pontevedra, para ordenar a atención e que dependa do organismo competente en asistencia sanitaria, que é a Administración autonómica. En decembro de 2021 produciuse a xubilación dun dos médicos psiquiatras, polo que só queda un médico no departamento. Pedímoslle á Xunta que deixe de ‘remolonear’ cun servizo tan esencial”, precisou Marcos Rey.

A petición de Rey coincide cunha solicitude formal realizada polo Concello para que a Xunta convoque coa maior premura posible a Comisión de Seguimento do convenio de colaboración asinado o 21 de outubro de 2021 entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo; a Consellería de Sanidade; o Servizo Galego de Saúde (Sergas), e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), para a realización de programas de atención e protección da saúde. Tal e como subliña o concelleiro de Benestar Social, “queremos que nos ofrezan xa unha data e hora para esta Comisión e que se inclúan na orde do día da convocatoria os seguintes puntos: o procedemento para incorporar ao Sergas os profesionais e servizos sanitarios de saúde mental que prestan os servizos na Unidade de Atención á Drogodependencia de Pontevedra e o establecemento dun mecanismo eficaz para a cobertura das ausencias do único médico psiquiatra que hai na UAD de Pontevedra, en tanto non se produza a amentada incorporación ao Sergas”.