O I congreso Atlantic Meet traerá a Pontevedra entre os días 12 e 13 de maio a relatores da talla de Toni Nadal, Emilio Duró, Elsa Punset e Mario Alonso Puig

485
  • O evento, organizado en colaboración con Turismo de Pontevedra e a Xunta, celebrarase no Pazo da Cultura, tratará sobre ‘Relacións persoais’ e busca potenciar o crecemento empresarial dunha forma adaptada ao século XXI
  • O simposio está deseñado para traballadores, autónomos ou empresarios que desexen fomentar vínculos, formarse, facer contactos, gañar visibilidade e desfrutar. Os asistentes poderán gozar dunha ruta de tapas e un cóctel-concerto

Potenciar as relacións e o crecemento empresarial dunha forma adaptada ao século XXI, pero sen perder os valores de proximidade que tiveron éxito no pasado, é o principal obxectivo do I congreso Atlantic Meet, que terá lugar no Pazo da Cultura entre os días 12 e 13 de maio e que contará no seu programa con relatores da talla de Toni Nadal, Emilio Duró, Elsa Punset e Mario Alonso Puig. O evento, organizado en colaboración con Turismo de Pontevedra e a Xunta, centrarase nas ‘Relacións persoais’ e está especialmente dirixido a aquelas persoas, sexan traballadores privados ou públicos, autónomos ou empresarios, que desexen fomentar vínculos, formarse, facer contactos, gañar visibilidade e desfrutar.

Ademais de poder gozar de relatorios de primeiro nivel e de mesas redondas con temas de actualidade, os asistentes ao simposio contarán con espazos para realizar comunicacións dos seus proxectos e empresas e de diversas actividades ‘satélite’ de lecer arredor do mesmo: roteiros turísticos, unha ruta de tapas pola cidade e un cóctel-concerto. Tal e como subliña a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “trátase de potenciar o networking empresarial e de crear espazos de formación, ao tempo que se optimiza o turismo local, aunando lecer, relacións, economía colaborativa e circular e iniciativas exitosas”.

O programa de actividades en torno ao congreso dará comezo o 9 de maio cunha formación en habilidades directivas que se desenvolverá durante toda esa semana (ata o 13 de maio) e na que se abordarán aspectos como a comunicación, o liderado, a xestión emocional e de equipos, o márketing e venda, a confianza…

Á marxe da propia formación, os asistentes a este curso, que terá unha duración dunhas 18 horas e que tamén inclúe actividades de networking, participarán nun proceso de psicoloxía empresarial co que poderán continuar a súa mellora e desenvolvemento persoal. 

Aos relatorios de grandes expertos e expertas no campo da empresa e o crecemento persoal e de equipo sumaranse mesas redondas con temas actuais e de interese, como a internacionalización a través do Camiño de Santiago ou a economía circular, e espazos de exposición no que as empresas terán a oportunidade de presentar os seus proxectos. Segundo avanzou Yoya Blanco, “dentro do congreso haberá pinchos networking, cafés de empresarios e comidas para establecer relacións con outros participantes, e despois de traballar, facer contactos e aprender, haberá espazo para desconectar cun pouco de lecer a través dunha festa-cóctel que terá lugar o 12 de maio e ao que asistirán persoas do mundo da empresa para desfrutar dunha boa comida, boa compañía e un concerto”. “Todo a cargo de Pepe Solla e do equipo de Casa Solla”, apuntou a edil.

Blanco fixo fincapé nas importantes sinerxías turísticas xeradas arredor deste tipo de congreso, “que permitirá promover e poñer en valor a oferta hostaleira e culinaria da Capital Gastro mediante unha ruta gastronómica prevista para o día 13 de maio e outros roteiros pola cidade e o seu contorno”.

Un ‘all-star’ de relatores

A concelleira de Promoción Económica destacou “o espectacular currículo dun ‘all-star’ de relatores que non precisan presentación e que son do mellorciño a nivel nacional e internacional”. Así, a televisiva Elsa Punset, que colaborou co Hormiguero e dirixiu e presentou ‘La mirada de Elsa’ en Redes, conta na actualidade cunha sección semanal titulada ‘El mundo en tus manos’ no programa ‘Para todos La 2’, de TVE. Autora dos libros ‘Brújula para navegantes emocionales’, ‘Inocencia radical’, ‘Una mochila para el universo’ (editado en 14 países), ’El mundo en tus manos’ e ‘El libro de las pequeñas revoluciones, Punset é licenciada en Filosofía e Letras e Máster en Humanidades pola Universidade de Oxford y en Xornalismo pola Universidade Autónoma de Madrid.

Outro dos ‘pesos pesados’ deste Atlantic Meet é Emilio Duró, licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade Autónoma de Barcelona e pola Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (Esade). Socio fundador de Iter Consultores SL e ex directivo de firmas nacionais e internacionais, Emilio Duró 

traballa desde hai 40 anos como asesor, consultor e formador nas primeiras empresas do país e é Premio Emilio Castelar á categoría de Compromiso Empresarial, Premio Jean-Baptiste Say á excelencia empresarial e Premio Jóvenes Líderes como Referente da Humanidade.

Igual de célebre é Toni Nadal, tío e adestrador do tenista Rafa Nadal, inspirador e participante en boa parte dos seus éxitos, que na súa faceta de conferenciante dá charlas dirixidas a adestradores deportivos, mozos e empresas, tratando temas como a xestión da adversidade e a importancia da actitude e a superación, a constancia e o traballo en equipo. É autor do libro ‘Todo se puede entrenar’, onde fai un repaso a tódolos principios que inspiran o seu método, e na actualidade segue desde unha segunda liña a carreira do seu sobriño e forma parte do proxecto da Rafa Nadal Academy, na que transmite os seus coñecementos ás novas xeracións e a futuras promesas do tenis mundial.

Completa o programa de relatorios o médico especialista en Cirurxía Xeral e do Aparato Dixestivo (‘fellow’ pola Harvard University) Mario Alonso Puig, presidente do Center for Health, Well-being & Happiness da IE University. Escritor de 11 libros entre os que se atopan ‘Reinventarse’ e ‘El guardián de la verdad y la tercera puerta del tiempo’ (Premio Espasa 2013), Alonso é gañador de numerosos galardóns entre os que se inclúen o Know Square á traxectoria divulgativa, o Cubi 2018 á divulgación en cociña saudable e o premio Optimistas Comprometidos na categoría de Transformación Social 2019. Conta con formación no campo da Intelixencia Humana, a Medicina Mente Corpo e a Psicoloxía Positiva pola Universidade de Harvard; en Negociación co Instituto Tecnolóxico de Massachusetts e en Aspectos Psicolóxicos do Liderado co Instituto Levinson de Boston (así como cun certificado en Coaching of Leadership and Professional Development polo Tavistock Institute de Londres).

Entradas á venda desde o venres 18 de marzo na web www.atlanticmeet.com

O responsable da organización do Atlantic Meet, Iago López Roel, subliña que o evento “está aberto a todo o mundo, non só empresari@s e autónom@s, senón tamén a empregados en xeral ou funcionarios, que desexen escoitar as conferencias ou asistir ao cóctel (de feito, poden expoñerse proxectos persoais)”. “As entradas -avanza López Roel- estarán á venda a partir do venres 18 de marzo na web do evento: www.atlanticmeet.com. Haberá dúas franxas temporais de prezos, a primeira ata o 13 de abril, con tarifas moi especiais, e a segunda desde o 13 de abril ata o congreso”.