O parque infantil da pasarela de José Adrio aumenta en 150 metros cadrados o seu espazo de xogo e gaña máis superficie de pavimento de caucho amortecedor, dous pórticos de columpios, dous balancíns individuais e un dobre

232

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, está a acometer nestes días unha serie de traballos destinados a ampliar o espazo de xogo do parque infantil da pasarela da rúa José Adrio Barreiro. As actuacións, que suporán un investimento de 29.578,47 euros, traduciranse na creación de 150 novos metros cuadrados de superficie de lecer para os máis pequenos, na que se instalarán dous pórticos de columpios, un cunha randeeira de cesto e outro mixto con dobre bambán; dous balancíns individuais (modelos Xirafa e Pegaso), e un balancín dobre sube-baixa-cabaliño.


Asemade, dotarase á nova área de xogo de pavimento de caucho amortecedor con deseño de cores adaptadas as características do parque infantil. Unhas obras de ampliación que, en opinión do concelleiro Iván Puentes, “incrementará de xeito moi substancial a capacidade de acollida da zona de xogos da pasarela de José Adrio, empregada diariamente por nenos e nenas dos barrios da parte leste da cidade”.


“Aínda que as condicións meteorolóxicas non son especialmente favorables nestes días -sinala o edil do PSOE-, a empresa contratista, Docamende SL, prevé rematar este conxunto de melloras no prazo dun mes, polo que agardamos que a rapazada poida desfrutar da nova superficie de xogo e destes flamantes bambáns no mes de abril”.