A Vida é Movernos e a Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra celebrarán a vindeira fin de semana dúas xornadas de Dragon Boat en augas do río Lérez

383

No marco do programa municipal A Vida é Movernos, a Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra desenvolverá a vindeira fin de semana en augas do río Lérez, en colaboración do Concellería de Deportes, unha divertida actividade de Dragon Boat (unha modalidade de orixe chinesa que o club implantou hai algúns anos na nosa cidade). Trátase dunha pequena ruta dunha duración aproximada de dúas horas con saída desde a sede social do club (no porto das Corvaceiras) e chegada ata o contorno da praia fluvial, de xeito que os participantes poidan ver a cidade desde outra perspectiva, desde a auga.


A actividade celebrarase o sábado 12 de marzo, cun grupo de rapaces e rapazas de entre 10 e 17 anos, e o domingo 13, cun grupo de persoas de entre 18 e 70 anos. En ámbalas xornadas, o horario será de 10:30 a 12:30 horas e os grupos serán dun máximo de 20 compoñentes.


Tal e como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “esta ruta de Dragon Boat é totalmente de balde e as inscricións estarán abertas ata o xoves 10 de marzo a través do enlace https://epcp.playoffinformatica.com/PanellActivitatsWeb.php?idNivell=4“. “É imprescindible saber nadar -sinala o edil do PSOE- e levar chanclas, toalla, mallas de deporte, camiseta técnica e unha camiseta térmica… E por suposto, gañas de pasalo en grande e de mollarse un pouco en augas dun contorno tan excepcional como o do río Lérez”.