Terra de mulleres

37
  • Manifesto institucional polo 8M elaborado pola xornalista María Varela

“Eu son libre, nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino”. (Rosalía de Castro)

É esta unha terra de mulleres. É tempo de mulleres. 

Somos a metade da poboación aínda que non sempre se nos vexa. Repetímolo coma un mantra. Non somos un colectivo, nin un grupo. Somos o 50% do mundo e queremos ocupar o espazo que nos corresponde. 

Hai un ano, en plena pandemia, preguntabámonos como vivir o 8-M da covid. Como facer para que a luz violeta que alumou as rúas nos últimos tempos permaneza prendida a pesares de que non poida haber grandes manifestacións, da sombra do negacionismo e de quen quere que deamos pasos atrás. Foi un ano de homenaxes no que cadaquén adicou o 8 de marzo ás mulleres da súa vida, ás que estaban en primeira liña da pandemia, ás referentes que foron abrindo camiño, ou como lle escoitei hai pouco a Fina Casalderrey nunha metáfora fermosa, ás que foron apartando as silveiras para as demais. 

Hai mulleres. Claro que as hai. E o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller, é un día para celebralo e lembralo. Para subliñar as diferenzas que aínda quedan, si, pero tamén para destacar os logros acadados e poñer o foco nas mulleres. En todas elas. Nas que dudan, nas que o teñen claro, nas que pensan diferente. Nas que rompen teitos cada día e as que acaban o día rotas. Sen excepción.

A quen aínda pregunta… Só uns datos: Somos o 52% da poboación malia que apenas teñamos representación na maioría dos eidos de responsabilidade. Só o 18% das universidades teñen reitoras. Ocupamos o 17% de postos de alta dirección nas empresas do IBEX 35. Temos un 18% de alcaldesas en Galicia, 13% presidentas da Deputación, e só 7% dos países do mundo están presididos por unha muller (…) Gañamos menos por facer o mesmo, a fenda salarial situouse nun 21% trala pandemia.

Hoxe estamos preparadas para poñernos en pé e darlle a volta ao mundo. A estas alturas o único camiño que ten sentido é o da igualdade, o que leva a ese lugar de esperanza onde unhas e outros podemos ser quen somos, sen estereotipos nin corsés de xénero, para eles tampouco.  Un espazo libre para deseñar as vidas que queremos, sen teitos de cristal, nin solos de lama. Un mundo igualitario e sostible no que ir da man. E hoxe máis que nunca un mundo de paz.

Neste 8 de marzo porta de saída dunha crise sanitaria aínda latente temos varios retos por diante que a covid puxo sobre a mesa.  

A crise dos coidados. Durante os dous anos de pandemia a maior parte do emprego que se destruíu foi feminino. E iso a pesares de ser maioría nalgunhas das profesións esenciais. Elas foron as que máis renunciaron ós seus traballos cando pecharon as escolas e os centros de maiores. E botaron sobre os seus ombros o coidado das familias unha vez máis. Dar resposta á dependencia ten que ser unha cuestión da Administración. Non das mulleres.  

O reto da prostitución. Que por fin se poña o foco sobre a escravitude sexual. Que se aborde con valentía. O 90% da prostitución deste país provén da trata de mulleres. En pleno século XXI. Insoportable.

O reto da coeducación, da educación sobre os valores da igualdade e o respecto. Para construír un futuro de liberdade. E para previr a violencia de xénero. No 2021 contamos 44 mulleres asasinadas pola violencia machista. No que levamos de 2022 van seis. 4 nenos orfos. E ollo, porque 1 de cada 5 mozos de entre 16 e 29 anos entende que a violencia de xénero non existe. 

Nestes días ademais temos entre mans un reto máis, algo que estamos afeitos a ver desde a distancia e que hoxe latexa como unha ameaza a catro horas da nosa casa: a guerra. Aínda coa incertidume sobrevoando as noticias que nos chegan desde Ucrania, entre o medo e a empatía que espertan as imaxes do éxodo e a destrución, unha imaxina como sería o mundo se o 50% das decisións as tomasen as nosas nais.

Este 8-M tamén ten que poñer luz sobre as mulleres que sufren a violencia das guerras. As que marchan dos seus fogares coas crianzas ás costas, as maiores que apenas teñen folgos para fuxir e empezar de novo, as que quedan, as que son empregadas como moeda de cambio…

Disque é esta nosa unha terra de mulleres bravas que ergueron as familias e as cidades cando quedaron soas noutras guerras, noutros tempos, noutras batallas cotiás. De mulleres sabias e xenerosas que hoxe rememoran a historia co corazón encollido. De mulleres cada vez máis preparadas, valentes e ilusionadas que hoxe recollen o testigo das súas maiores e van adiante decididas a seguir conquistando espazos. 

É tempo de mulleres. Agora tócanos a nós.