Benestar Animal e Aecam impartirán este venres no CEIP A Xunqueira I un Taller de Tenencia Responsable de Animais

68

O concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, asistirá este venres ás 12:00 horas no CEIP A Xunqueira I a un Taller de Tenencia Responsable de Animais organizado polo seu departamento en colaboración coa Anpa Celso Emilio Ferreiro e impartido polo colectivo de educación ambiental Aecam. Na charla participarán uns 50 alumnos e alumnas de entre 11 e 12 anos, aos que os expertos de Aecam tratarán de concienciar e sensibilizar sobre a grande decisión que supón ter un animal e as lamentables consecuencias que teñen os abandonos.


Tal e como sinala Marcos Rey, “sabemos que un dos desexos dos nenos e adolescentes é ter un gato, can, hámster ou papagaio, que acaban converténdose nun premio polas notas ou o esforzo, unha compra por un capricho…”. “Cada ano vemos como unha enorme cantidade de animais rematan por ser unha ‘molestia’, un traballo innecesario e un problema de espazo: coellos que se fixeron máis grandes do que se agardaba e morden todo, un can que debemos sacar á rúa faga o tempo que faga e que ten problemas de comportamento porque non o sabemos educar, un gato que escapa, un papagaio que non para de berrar, que pica, enferma e ensucia. Unha historia que sempre culmina desfacéndose do animal”, apunta o edil do PSOE.


Por tal motivo, o concelleiro de Benestar Animal considera que este tipo de talleres son esenciais “para contar a realidade, resolver dúbidas, concienciar do que supón ter unha mascota e coñecer os intereses dos nenos e nenas”, xa que “eles son o futuro e unha xeración clave na educación ambiental”.