O Circuíto de Carreiras Ponle Freno regresará ás rúas de Pontevedra o 18 de xuño cunha proba nocturna

25

Tras verse limitado a unha versión virtual en 2021 por mor da pandemia, o Circuíto de Carreiras Ponle Freno, a maior acción de responsabilidade corporativa a prol da seguridade viaria impulsada por Atresmedia xunto á Fundación AXA, volverá pisar este ano con forza as rúas de nove cidades de España. A iniciativa, que conta con CGA Red de Talleres como patrocinador oficial, dará o seu pistoletazo de saída en Badalona o vindeiro 27 de marzo, para continuar en Valencia (24 de abril), que se suma ao circuíto neste 2022, Zaragoza (8 de maio) e Málaga (11 de xuño), chegando a Pontevedra o 18 de xuño, onde (ao igual que na capital malagueña) poderemos desfrutar dunha carreira nocturna.


O Circuíto completarase con probas en Vitoria (11 de setembro), Santander (25 de setembro) -tamén incorporada nesta edición-, Madrid (20 de novembro) e As Palmas de Gran Canaria (18 de decembro), e contará un ano máis con dous embaixadores de luxo nos rostros do campión mundial de maratón Martín Fiz e mailo presentador Manu Sánchez. O director de ‘Las Noticias de la mañana’ de Antena 3 foi precisamente o condutor do acto de presentación de Ponle Freno que tivo lugar esta mañá no Auditorio Principal das Oficinas Centrais de AXA en Madrid (rúa Emilio Vargas, 6) e no que participou o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
A rolda de prensa contou coa presenza de Josep Alfonso, director da Fundación AXA; Pablo López-Barajas, director de Atresmedia Eventos; Sagrario de la Azuela, xerente do Hospital Nacional de Parapléxicos de Toledo; Cristina García, concelleira de Deportes de Zaragoza; Josué Íñiguez Ollero, concelleiro delegado de Seguridade e Emerxencias das Palmas de Gran Canaria; Alberto Tomé González, viceconselleiro de Deportes da Comunidade de Madrid; Rubén Guijarro, alcalde de Badalona; Ignacio Gómez Camarero, xerente de Málaga Deportes e Eventos; Borja Santamaría, director xerente da Fundación Deportiva Municipal de Valencia; Gema Igual, alcaldesa de Santander; e Alejandro Vicario, director xeral do Grupo CGA (ademais do propio Martín Fiz).


Ponle Freno regresa con máis gañas e ilusión que nunca neste 2022, no que baterá o seu récord de cidades participantes cun total de nove. En tódalas urbes será posible participar nas modalidades de 5 ou 10 kilómetros e tamén haberá carreiras infantís, salvo na proba de Madrid, durante cuxa celebración terá lugar a Carreira Ponle Freno Virtual a nivel nacional. 


Tal e como lembrou Tino Fernández, “a recadación que se consigue grazas ás inscricións nas carreiras destinarase, desde o principio e de xeito íntegro, a proxectos en apoio a vítimas de accidentes de tráfico”. Non obstante, a pegada da iniciativa de Atresmedia logrou recadar desde o inicio do seu percorrido, en 2008, máis de dous millóns euros, que permitiron desenvolver proxectos a nivel local co apoio a diferentes institucións e organismos dedicados a que as vítimas de accidentes de tráfico poidan ter unha maior calidade de vida ou impulsen iniciativas de prevención e concienciación. Ata a data, máis de 250.000 corredores participaron nalgunha das carreiras de Ponle Freno nas súas distintas modalidades e lugares.  


Tino Fernández fixo fincapé “no proceso de reforma urbana que levou a Pontevedra a retirar pouco a pouco os coches do centro urbano e a recuperar as rúas para uso e desfrute dos peóns, unha aposta que se traduciu nunha redución drástica, a practicamente cero, dos atropelos e os accidentes na nosa cidade”. “O tempo deunos a razón e agora son moitas as cidades de España e de Europa que teñen a Pontevedra como referente de seguridade viaria e que queren imitar este modelo peonil e de limitación da velocidade e do acceso ao casco urbano para os vehículos. Pontevedra foi quen de poñer en valor un dereito, que é o dereito dos cidadáns a desfrutar do espazo público. E nesta mesma dirección seguimos a traballar agora, despois desta terrible pandemia, para que a cidadanía recupere as rúas e a ledicia da actividade física ao aire libre a través doutro proxecto pioneiro como A Vida é Movernos”, asegurou o concelleiro do PSOE.


O desenvolvemento do Circuíto levará aparellada unha vez máis unha intensa campaña de comunicación destinada a reducir as vítimas de tráfico e os accidentes, e ponlefreno.com seguirá a recoller toda a información e a última hora de cada cita desde o microsite específico carrerasponlefreno.com, desde o que se poderán levar a cabo as inscricións de cada cidade. Do mesmo xeito, as redes sociais, tanto Facebook e Instagram (carrerasponlefreno) como Twitter (@carrerasPF), serán testemuña de tódalas novidades e os mellores momentos que deixen as carreiras, coas que neste 2022 se agardan encher as rúas de milleiros de persoas unidas pola seguridade viaria, porque, tal e como reza o seu lema: ‘Xuntos, si podemos’.