A Concellería de Benestar Animal pide colaboración cidadá para dar cun “desalmado ou desalmada que se dedica a envelenar cans e gatos” no contorno dos antigos terreos de Tafisa

99

A Concellería de Benestar Animal foi alertada nos últimos días da presenza de veleno diseminado en diferentes puntos do contorno dos antigos terreos de Tafisa, unha zona verde da avenida de Bos Aires moi empregada para o paseo de cans. Como resultado deste comportamento incívico, algúns donos de mascotas reportaron casos de intoxicación dos seus animais (con diarreas agudas) despois de que estes pisaran e lamberan algunha desas ‘trampas’ de veleno.


O máximo responsable da Concellería de Benestar Animal, Marcos Rey, indica que “este comportamento absolutamente desalmado xa se produciu en máis dunha ocasión”, polo que recomenda aos donos de cans e coidadores de gatos “que se manteñan alerta e se poñan en contacto coa Policía Local para denunciar os posibles casos de envelenamento ou a presenza de montóns sospeitosos no chan”. “Pedimos a máxima colaboración cidadá para dar co desalmado ou desalmada que se dedica a envelenar cans e gatos nesta zona da cidade e tamén lles solicitamos aos prexudicados que conserven copia do informe veterinario para tentar canalizar as denuncias por vía penal. Lembrámoslle ao responsable destes actos de inhumanidade e crueldade que estas accións non saen gratis e que se lle pode imputar un delito de maltrato animal, con penas de ata tres meses de prisión”, advirte Marcos Rey.


O concelleiro do PSOE subliña que, á marxe do dano que pode producir á saúde das nosas mascotas, “a presenza de veleno nas vías públicas tamén supón un verdadeiro perigo para as persoas que pasen pola zona, en especial para os máis pequenos”. “As propias mascotas -engade- poden portalo ás vivendas sen que os donos se percaten”.

Marcos Rey agradécelles ás voluntarias que se encargan de coidar ás dúas colonias de gatos existentes nesta área que deran a voz de alarma sobre a existencia destes montóns de veleno e avisaran tanto á Concellería de Benestar Animal como á Policía Local.