Tino Fernández participará o martes en Madrid no acto de presentación do Circuíto de Carreiras Ponle Freno 2022

32

Tras unha edición virtual un tanto descafeinada motivada pola pandemia en 2021, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, desprazarase o martes 1 de marzo ata Madrid para participar no acto de presentación oficial do Circuíto de Carreiras Ponle Freno 2022, que este ano recuperará o seu formato habitual e que volverá tomar as rúas de España con máis forza que nunca. O evento terá lugar ás 11:00 horas no Auditorio Principal das Oficinas Centrais de AXA (rúa Emilio Vargas, 6) e contará coa presenza dos embaixadores do proxecto, Martín Fiz, campión mundial de maratón, e Manu Sánchez, director de ‘Las Noticias de la mañana’ de Antena 3, así como do director da Fundación AXA, Josep Alfonso; o director de Atresmedia Eventos, Pablo López-Barajas; a xerente do Hospital Nacional de Parapléxicos de Toledo, Sagrario de la Azuela; o director xeral do Grupo CGA, Alejandro Vicario, e de representantes institucionais das cidades adheridas.


Tino Fernández fai fincapé na “enorme importancia de Ponle Freno, a maior e máis lonxeva acción social dedicada á seguridade vial (con máis de dez anos de vida), baixo o impulso de Atresmedia e do seu socio estratéxico Fundación AXA, que neste 2022 regresa con novidades e batendo un récord de cidades participantes, con nove urbes españolas implicadas: ademais de Pontevedra, Badalona, Valencia, Zaragoza, Málaga, Vitoria, Santander, Madrid e Las Palmas”.


No acto do martes acompañarán a Tino Fernández a concelleira de Deportes de Zaragoza, Cristina García; o concelleiro delegado de Seguridade e Emerxencias de Las Palmas, Josué Íñiguez Ollero; o viceconselleiro de Deportes da Comunidade de Madrid, Alberto Tomé González; o tenente de alcalde e concelleiro de Seguridade, Goberno e Territorio de Badalona, Rubén Guijarro; o xerente de Málaga Deportes e Eventos, Ignacio Gómez Camarero; o director xerente da Fundación Deportiva Municipal de Valencia, Borja Santamaría, e a alcaldesa de Santander, Gema Igual.