A Casa das Campás acollerá durante os meses de marzo e abril cinco sesións públicas para presentar as conclusións das Mesas de Traballo do Laboratorio da Infancia

98

A Casa das Campás (Vicerreitoría do Campus Universitario de Pontevedra) acollerá durante os meses de marzo e abril cinco sesións públicas destinadas a presentar as conclusións das Mesas de Traballo ou Lab’s desenvolvidos no marco do programa Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación con financiamento nun 80% polo Fondo Europeo Feder a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (Edusi). Os foros, orientados a fomentar a participación pública no deseño da cidade do futuro para a nosa infancia, terán lugar en horario de 19:00 a 21:30 horas nas seguintes datas: 


– 17 de marzo, Lab Sociedade


– 24 de marzo, Lab Espazo Público


– 31 de marzo, Lab Cultura


– 4 de abril, Lab Medio Ambiente


– 7 de abril, Lab Vida Saudable


Trátase de Mesas de Traballo compostas por grupos de profesionais expertos nas diversas áreas que, desde o pasado mes de novembro, mantiveron reunións no Pazo da Cultura para realizar o diagnóstico da situación do concello de Pontevedra e a súa infancia. O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, explica que “as propostas dos Lab’s pretenden construírse de xeito colaborativo, abríndose ao público en xeral a través de foros abertos nos que os seus membros exporán as conclusións das Mesas de Traballo e buscarán a participación da cidadanía”.


“Os asistentes poderán facer suxestións, comentarios ou achegas que poderán ser engadidas no deseño da estratexia final”, avanza o edil socialista.


En paralelo, estanse a celebrar en diversos centros educativos de Pontevedra unha serie de talleres orientados a coñecer de primeira man as opinións dos alumnos de 8 a 12 anos sobre a cidade en relación a tódolos aspectos abordados nas Mesas de Traballo. Os vindeiros obradoiros terán lugar nas seguintes datas:

CEIP Santo André de Xeve: 3/03 (Cultura), ás 9:00 horas

CEIP Marcos da Portela (Monte Porreiro): 4/03 (Vida Saudable), ás 9:00 horas

CEIP Ponte Sampaio: 10/03 (Medio Ambiente)

CEIP Marcos da Portela: 11/03 (Medio Ambiente), ás 9:00 horas