Pontevedra acollerá o Campionato de España de Inverno Masters no Complexo Deportivo Rías do Sur a vindeira fin de semana

29
A presentación da competición contou coa presencia do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente da RFEN, Fernando Carpena; a presidenta do CN Galaico, Amparo Porta; e o presidente da Fundación Rías do Sur, Héctor Vilariño

Pontevedra volverá ser sede dun evento deportivo de alto nivel. Nesta ocasión, o Complexo Deportivo Rías do Sur será o espazo elixido para a celebración do XXVII Campionato de España de Inverno Masters. Entre o 3 e o 6 de marzo, a Boa Vila será un dos epicentros estatais no referente á natación.

A presentación celebrada esta mañá, contou coa presencia do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente da RFEN, Fernando Carpena; a presidenta do CN Galaico, Amparo Porta; e o presidente da Fundación Rías do Sur, Héctor Vilariño.

O rexedor da cidade destacou que «o último campionato desta clase foi celebrado no 2019 e era bo intre para recuperar este tipo de actividade na piscina olímpica de Pontevedra». «Para nós e realmente importante que a Federación siga pensando en Pontevedra para facer actividades deportivas» e que será un evento que contará con todas as garantías sanitarias para a súa celebración, e que se terán en conta, ademais, as decisións que poidan ser tomadas nos vindeiros días ao redor deste asunto. 

Pola súa banda, Fernando Carpena sinalou que Pontevedra conta cunha instalación na que se poden facer moitas cousas «tal e como demostramos nos pasados anos» pero que unha instalación por si soa non é nada, Senón «que hai un titular, un propietario, unha serie de persoas, neste caso representadas na Fundación, no Galaico e o Concello de Pontevedra que impulsan e axudan a que este tipo de campionatos vaian para adiante». Carpena explicou que este tipo de citas atraen a moita xente, «estando agora en cifras récord», sendo este o quinto campionato deste tipo que acollerá a Boa Vila.