O Rosal fíxase en Pontevedra e o seu modelo de cidade para continuar mellorando a calidade de vida da súa veciñanza

5
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, xunto cunha comitiva do seu Goberno, mantivo unha reunión de traballo esta mañá co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, amais doutros concelleiros locais para presentar algúns dos proxectos máis exitosos no proxecto de transformación urbana

Dentro dos plans que máis interesaron á delegación do Rosal aparecen os de tratamento de residuos, a recuperación do espazo público para a veciñanza e a dinamización cultural e de ocio destes mesmos

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, visitou Pontevedra esta mañá de xoves coa idea de coñecer algúns dos proxectos máis valorados da Boa Vila ao longo dos últimos anos, enmarcados dentro do seu modelo urbano, premiado internacionalmente. Acompañada por distintos concelleiros, Fernández mantivo unha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ademais de varios edís locais, coma o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, ou a concelleira de Patrimonio Municipal, Carme da Silva; o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez; e a concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde.

«O concello do Rosal é un concello cunhas características moi especiais, ten río, ten costa, ten interior… É un lugar precioso que quixo manter un contacto co Concello de Pontevedra porque xa somos un pouco veteranos, con experiencia e boas prácticas na mellora urbana e da contorna e con diferentes proxectos que son seguidos desde fóra con interese», explicou o alcalde de Pontevedra. «Quero resaltar que coido que o goberno do Rosal ten unha intención evidente de facer as cousas ben, que está ao tanto do que se van facendo noutros sitios co obxectivo de aportar unha melloría na vida da súa veciñanza».

A alcaldesa do Rosal, pola súa banda, agradeceu a reunión mantida e lembrou que o Concello de Pontevedra e a súa xestión non son só un referente a nivel galego, senón tamén a nivel internacional, sempre apostando polo cambio, a transformación e «en poñer sempre as persoas no centro de todas as súas políticas». «Nós comezamos hai dous anos e medio con moita ilusión un novo camiño no Rosal, un tempo novo, e é moi gratificante vir a unha vila como Pontevedra, con todo o recoñecemento que ten en termos de recuperación de espazo público; mais tamén cuestións novas como pode ser o transporte a demanda, a xestión de residuos ou tamén todo o dinamismo cultural que se xera entre as persoas a través do Modelo Pontevedra».

Fernández sinalou que O Rosal é un concello pequeno, pero que quere trasladar este tipo de transformacións e proxectos até o seu municipio, de carácter máis rural, pero poñer ás persoas no centro e avanzarmos e camiñarmos na mellora das nosas contornas nas que temos todo o futuro por gañar».