O Concello promoverá un sistema obrigatorio de reciclaxe en todas as dependencias municipais

14
Oficinas, colexios, edificios ou pavillóns contarán con diferentes colectores que deberán ser usados de xeito correcto co obxectivo de mellorar a separación de residuos, perante a idea de permitir unha economía circular e unha reutilización útil destes
Serán estudadas máis de cen dependencias para comprobar que clase de residuos son xerados e que elementos son necesarios en cada edificio para unha separación efectiva

O concelleiro de Xestión de Residuos Urbanos, Raimundo González, compareceu esta mañá de venres, 25 de febreiro, para dar conta da implantación da separación obrigatoria dos residuos nas dependencias municipais. Na práctica, isto implicará un compromiso de todos os traballadores municipais á hora de fomentar e manter a reciclaxe, exercicio voluntario até o de agora. 

González explicou que o sistema comezará a funcionar en tres meses, e terá como obxectivo a separación dos residuos desde o minuto un en que se xeran de xeito obrigado. «Queremos fomentar a reutilización dos residuos», explica o edil. «Precisamos dunha xestión sostíbel dos mesmos».

«Ao final é seguir o camiño que xa foi explicado na presentación dos Orzamentos, que é a cuestión da economía circular. Queremos converter os residuos nun recurso e aquí vamos nesa dirección. Debemos superar ese 55 % marcado pola normativa para o ano 2025», sinalou González. «Non é só unha cuestión de vontade política, o cambio nas dependencias municipais é unha obriga legal. A lei 6/2021 da comunicade autónoma galega di que en todos os edificios situados no país de titularidade pública —autonómica ou local— deberán adoptar as medidas necesarias para a recollida separada dos residuos xerados neles. É dicir, a propia normativa está obrigando á separación. Non di data, pero xa lla imos poñer nós: ao redor do verán».

O concelleiro responsábel da área de Xestión de Residuos sinalou que será contratado un estudio para coñecer que tipos de residuo son xerados en cada dependencia. «Non imos dicir que cada dependencia ten a súa problemática, pero si é certo que hai certas diferencias. Poñamos por exemplo que non é mesmo este edificio (oficias do Concello de Michelena, 30), onde a maioría dos residuos son papel e envases, que as brigadas de obras, que xeran restos de cableado eléctrico, de vidro… Ou os colexios, onde hai moito biorresiduo porque a gran maioría dos centros contan con comedor».

O estudio establecerá que medios son os axeitados e os precisos para cada espazo e dependencia, que na práctica podería ser traducido no número de colectores a instalar e a súa clase (para papel, para vidro, para envases, para biorresiduos…). Despois, González sinalou como un dos puntos chave de todo o proceso a chamada trazabilidade. «Debemos saber a trazabilidade dos residuos xerados, pois se facemos moita campaña, a xente colabora, deposita de xeito correcto cada residuo no seu colector correspondente e logo acaba todo xunto pois non faríamos absolutamente nada. Non só iso, senón que até lograríamos o efecto contrario e os cidadáns digan: ‘isto non vale para nada’. Esa trazabilidade estará asegurada nos contratos que estamos a facer, como por exemplo na do contrato de limpeza de dependencias, onde está especificado que os residuos xerados deben ser guindados ao colector correspondente», explicou González.

O concelleiro fixo fincapé na necesidade das administracións de ser exemplares neste sentido, tanto na separación como na xestión dos residuos; lembrando que é imposíbel pedirlle á veciñanza unha obriga concreta se a Administración non ten ese mesmo compromiso. González indica que serán estudados máis de cen centros de traballo entre edificios administrativos, campos de fútbol, oficinas, etcétera. «Non sei o que están a facer outras administracións, pero debemos ser pioneiros neste asunto. A reciclaxe ben entendida empeza por un mesmo. Se queremos que os cidadáns reciclen nós temos que facelo cunha eficacia do cen por cen», indicou o edil.

González finalizou a súa comparecencia indicando que aínda que semelle algo sinxelo e doado, básico dalgún xeito, a cuestión é que non o é, e non abonda con poñer catro colectores de catro cores e agardar que a separación xa sexa un éxito. Hai que fomentar a través de diversas prácticas e formas, creando un sistema autónomo que conte co apoio de todos os que formen parte deste á hora de lograr unha reciclaxe realmente efectiva e total, adaptada a cada espazo e a cada dependencia segundo as súas características e os residuos que xeren.