Benestar Social porá en marcha o vindeiro martes o seu Plan Temporal de Inclusión Social Municipal coa incorporación de tres traballadoras sociais

43

A Concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey, porá en marcha o vindeiro martes 1 de marzo o seu Plan Temporal de Inclusión Social Municipal, un instrumento impulsado coa finalidade de amparar a prestación de servizos sociais comunitarios específicos. A través deste programa, que se desenvolverá ao longo deste ano e de 2023 e para o que se incorporaron tres traballadoras sociais, búscase lograr que as persoas ou familias perceptoras da Renda de Inserción Social de Galicia (Risga) e aquelas que se atopan en condición de pobreza e exclusión social acaden as habilidades necesarias para evitar situacións de vulnerabilidade derivadas dos cambios nos procesos socioeconómicos, facilitando o seu acceso ao mercado laboral e o mantemento dunha forma de vida normalizada.


Entre os obxectivos deste Plan Temporal de Inclusión Social inclúense os de aumentar a empregabilidade das persoas e familias en risco ou situación de exclusión social; atender e potenciar os factores persoais, familiares, sociais e instrumentais do colectivo; facilitar espazos de relación social positivos; ampliar os coñecementos básicos para o desenvolvemento na vida diaria; adquirir cualificación profesional; aprender e manexar as habilidades pre laborais; acadar habilidades e competencias na busca activa de emprego, e facilitar a conciliación entre vida familiar, itinerario de inserción e vida laboral.


As persoas contratadas ao abeiro deste programa teñen entre as súas funcións as de executar, en coordinación cos servizos sociais comunitarios básicos, actuacións contidas no proxecto de integración social vencellado ao tramo básico e familiar da Risga, sobre todo no que se refire a iniciativas de promoción educativa e formativa básica, así como a proxectos de capacitación; colaborar co Servizo Público de Emprego no deseño e no efectivo desenvolvemento das actuacións estipuladas nos convenios de inclusión sociolaboral vencellados ao tramo de inserción da Risga, e deseñar e desenvolver itinerarios de inserción para persoas non perceptoras da Risga que se atopen en situación de risco de exclusión social e para persoas perceptoras da Renda Social Municipal.


Ademais, tamén elaborarán proxectos e promoverán actividades específicas para a prevención da exclusión social de grupos vulnerables de características homoxéneas, así como de dinamización social e comunitaria nas súas zonas de intervención; acompañarán de xeito individualizado os procesos de inserción social e laboral; deseñarán e executarán actividades de grupo para a capacitación en habilidades persoais, sociais e de busca activa de emprego, e emitirán informes de seguimento e avaliación dos itinerarios que se remitirán aos servizos sociais comunitarios básicos. 


Tal e como sinala Marcos Rey, “as actividades deste programa levaranse a cabo na Casa Azul, mentres que as traballadoras sociais vinculadas ao Plan estarán situadas no Chalé de Fontoira, que é o edificio que alberga o centro de servizos sociais comunitarios básicos do Concello de Pontevedra (con enderezo en Xofre de Tenorio, 1)”.


En base ás unidades e liñas subvencionables pola Consellería de Política Social na Orde do 6 de setembro do 2021, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de axudas ás corporacións locais para programas de emerxencia social e de inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, establécense os seguintes módulos de actuación:


1. Inclusión sociolaboral básica. 2. Inclusión de transición ao emprego. 3. Formación adaptada: competencias clave e preparación ESA(Educación Secundaria para Adultos). 4. Aula de reforzo escolar. 5. Actuacións de participación social: alfabetización e competencia oral eintegración sociocultural.