Pontevedra converterase en sede do I Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia os días 2 e 3 de maio

126
  • O evento gastronómico, impulsado por Promoción Económica co mecenado da Academia da Tapa e do Pintxo, reunirá a medio centenar de cociñeiros que competirán polo premio ao mellor pincho e cociñeiro de pinchos da comunidade
  • A concelleira socialista Yoya Blanco subliña “o enorme retorno que terá na cidade a celebración deste Campionato” e o presidente da Academia, Mikel Martínez, asegura que Pontevedra “é a cidade perfecta para albergar este evento”

A nosa cidade dará neste 2022 un contundente paso adiante no seu camiño para erixirse como Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023, ao converterse en sede do I Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia. O evento gastronómico, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo baixo o mecenado da Academia da Tapa e do Pintxo, celebrarase os días 2 e 3 de maio e permitirá reunir en Pontevedra a medio centenar de cociñeiros de toda a comunidade que competirán polo premio ao mellor pincho e ao mellor cociñeiro de pinchos e tapas de Galicia.

Así o anunciaron esta mañá a máxima responsable da Concellería, Yoya Blanco, e o presidente da Academia da Tapa e do Pintxo, Mikel Martínez, tras un encontro mantido na Sala de Xuntas do Concello e no que tamén participou a responsable da firma Carta Blanca (encargada de coordinar as diversas accións organizadas arredor da marca Pontevedra Capital Gastro) Elena Vitoria. Tal e como lembrou Blanco, “a idea de que a nosa cidade se convertese en epicentro galego da tapa e o pincho coa celebración dun concurso de carácter autonómico xurdiu nun encontro mantido o pasado mes de xaneiro no stand da CEG na Feira Internacional de Turismo de Fitur, no que o meu compañeiro Iván Puentes e eu tivemos ocasión de amosarlles a Mikel Martínez e ao director xeral da CEG, Pedro Palacios, as enormes potencialidades e talentos que artellan o proxecto gastronómico que temos entre mans en Pontevedra”.

Durante a reunión mantida no Ifema e tras contemplar unha publicación do Campionato de Pinchos e Tapas organizado en Castela e León, a edil do PSOE xa amosara o seu grande interese na proposta plantexada pola Academia de traer a Galicia a primeira edición deste certame. Non obstante, en opinión de Yoya Blanco,  a nosa cidade conta cunha forte tradición neste eido, con cociñeiros moi especializados en tapas e pinchos e un concurso propio que se celebra cada ano como Pontedetapas, polo que “se existe un lugar de Galicia con galóns para acoller un acontecemento destas características, de promoción da gastronomía galega, ese é Pontevedra”.

Yoya Blanco subliñou “o retorno que este Campionato Galego de Tapas e Pinchos vai supoñer para a cidade, xa que medio centenar de cociñeiros e cociñeiras achegaranse a Pontevedra, que haberá eventos en paralelo e que repercutirá en que numerosas empresas pontevedresas e hoteis teñan actividade económica”. “Non queremos facer demasiado ‘spoiler’ -afirmou a edil do PSOE-, pero hai que ir anotando na axenda que en maio teremos un evento moi potente na cidade”.

Na súa ambición de organizar campionatos de Pinchos e Tapas en diferentes comunidades autónomas, os valores turísticos e gastronómicos de Pontevedra foron fundamentais para convencer ao presidente da Academia da Tapa e do Pintxo da idoneidade de Pontevedra. “Nós fixámonos en Pontevedra -asegurou Mikel Martínez- porque tentamos pensar en cidades que teñan un potencial económico unido a un potencial turístico, xa que a gastronomía vai ligada a ámbalas cousas. Pontevedra é a cidade perfecta para albergar este I Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia, que estamos seguros de que será un grande éxito e de que vai levar o nome de Pontevedra por toda España”.

Segundo avanzou Martínez, “convocarase a uns 50 cociñeiros de toda Galicia a través dunha inscrición libre e gratuíta, para que compitan durante dous días nun formato showcooking, diante dun xurado de prestixio que será o encargado de elixir, en base a uns valores gastronómicos, de estética e viabilidade, os mellores pinchos de Galicia (así como outros galardóns á innovación, á maridaxe con cervexa ou viño, o mellor produto galego…)”. Reservaranse unhas prazas mínimas para cada provincia durante un prazo de tempo, de xeito que tódalas provincias galegas estean representadas de xeito equilibrado (no caso de non completarse, abriranse as inscricións a aqueles que o desexen), e o xurado estará composto por cociñeiros de fóra de Galicia, o que, como indicou o presidente da Academia, “contribúe a que os nomes de Pontevedra e Galicia soen noutros sitios”.

Os eventos impulsados no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro (Entroido Gastronómico, Pontedetapas, Avoa Fest, Festa das Cunchas, Foro Internacional de Gastronomía, Mestizaxes ou Capital Gastro Lab) e este I Campionato de Tapas de Galicia forman parte esencial do currículo que Pontevedra presenta como cidade candidata a CEG 2023 (título outorgado a Sanlúcar de Barrameda neste 2022). O xurado reunirase entre os meses de outubro e novembro para avaliar os dosieres das cidades que se teñan presentado, os programas de actividades de promoción da gastronomía, as ideas e garantías achegadas, os valores gastronómicos… Está previsto que o nomeamento oficial se produza na Feira Internacional de Turismo Interior de Valladolid (Intur), que se celebrará entre os días 17 e 20 de novembro.

Mikel Martínez terá ocasión de ‘catar’ o talento dos chefs pontevedreses esta mesma noite, ás 21:30 horas, na gastroteca de El Cafetín, da man do cociñeiro Rubén González Vallejo, que elaborará un pincho en directo para o presidente da Academia e para a concelleira Yoya Blanco.

Poden consultar máis información sobre os eventos e accións da Academia da Tapa e do Pintxo na súa páxina web (https://www.academiadelatapa.com/) ou nas súas redes sociais (https://www.facebook.com/academiadelatapa ewww.instagram.com/academiadelatapaydelpintxo/).