Promoción Económica instala na Praza de España as carpas en forma de tipi que albergarán esta fin de semana a I Feira das Reposterías e Panaderías de Pontevedra

211

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, supervisou esta mañá na Praza de España a instalación das carpas en forma de tipi de 200 metros cadrados que albergarán a I Feira das Reposterías e Panaderías do Entroido Gastronómico de Pontevedra entre o venres 25 e o domingo 27 de febreiro (en horario de 11:00 a 20:00 horas). A edil socialista asegurou que “o escenario está a quedar ideal para acoller este evento gastronómico, especialmente nestas datas de Entroido”, permitindo que o público asistente teña a oportunidade de mercar os mellores produtos típicos desta festividade tan identitaria da gastronomía galega. O recinto contará con mesas (sen cadeiras) para que os asistentes poidan ‘catar’ con calma os doces típicos destas datas e haberá unha exhibición de materias primas.


Durante estas xornadas, os pontevedreses poderán degustar delicias preparadas por Panadería Acuña, Meu Bakery & Coffee, Mipa Panadería e Pastelería, Via Nai Espazo Gastronómico, Entre Migas Panadería e Pastelería, Colmado Delicious, Mis Galletas y Otras Cosas, Panadería Balado e Anxemí Panadería e Pastelería Artesá. Tamén haberá un stand específico da iniciativa Capital Gastro Lab.