O Ganapán pon o disfrace de Entroido para desenvolver un intenso programa de cinco xornadas no que non faltarán orellas, filloas, rosquillas, máscaras e galletas venecianas e antefaces de animais

66

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no Gastroespazo do Mercado de Abastos, puxo o disfrace de Entroido para desenvolver un intenso programa de actividades entre o sábado 26 de febreiro e o mércores 2 de marzo. Un plan de diversión inmellorable durante cinco xornadas nas que os pequenos de catro a dez anos terán oportunidade de somerxerse nas festas a través dos nosos produtos gastronómicos máis típicos e de divertidos obradoiros nos que poderán confeccionar os mellores complementos para os seus disfraces.


A xolda iniciarase a fin de semana con talleres de elaboración de orellas ao forno e de galletas venecianas (miottini), no Espazo Gastro, e outros de deseño de fociños de animais e de máscaras venecianas, no Espazo Crea. Segundo avanza a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “para o luns 28 de febreiro temos previsto un programa no que non faltará a nosa sobremesa máis tradicional, as filloas, e no que os nenos e nenas participantes realizarán unhas lentes de festa do máis gracioso”, mentres que na xornada do 1 de marzo “os rapaces e rapazas terán ocasión de elaborar unhas deliciosas rosquillas de Entroido e uns antefaces de animais”.


“Pecharemos o calendario de Entroido do Ganapán o mércores 2 de marzo cun obradoiro no que os pequenos cociñarán unha torta de confetti e un taller de creación de accesorios baseados nos nosos superheroes e superheroínas favoritos”, precisou Yoya Blanco.


Todos aqueles nenos e nenas que desexen participar nestas actividades deberán reservar a súa praza previamente a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao da celebración das mesmas. Recoméndase portar friameira para levar a casa tódalas receitas elaboradas.