Pontevedra viviu no 2021 un incremento dos casos de violencia de xénero detectados e investigados pola Policía Local

55
O corpo de seguridade local conta cun equipo especializado neste tipo de delitos que tamén ofrece unha atención individualizada a todas as vítimas
Na actualidade, 18 mulleres están baixo protección xudicial prestada pola Policía Local na cidade

A concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, presentou esta mañá de venres, 18 de febreiro, a memoria da Policía Local sobre violencia de xénero (Vioxen) co obxectivo de achegar, desde os datos obtidos ao longo do pasado ano, a visión do corpo de seguridade local sobre este eido.

Trátase dun informe elaborado polo equipo especializado en vioxen dentro da Policía Local de Pontevedra. Nese sentido, a concelleira quixo iniciar a súa intervención lembrando que o documento non recolle «o total da violencia de xénero que pode darse no Concello de Pontevedra, senón que achega os datos concretos que o corpo obtivo e tratou ao longo do 2021. Pensamos que é necesario saír publicamente hoxe para visibilizar un problema que lonxe de desaparecer, mantense ou mesmo se incrementa. Non estamos seguros dos motivos, podemos imaxinalos ou intuílos, pero si é certo que houbo un incremento de casos que nos preocupan».

Vilaverde lembrou que o confinamento semella ter moito que ver nesta suba de casos, que trouxo convivencias obrigadas, peches longos no fogar, estados de ánimo alterados, outras cuestións psicolóxicas, etcétera. 

Este ano 2021 producíronse un total de 32 intervencións por parte da Policía Local en casos referidos ou relacionados con vioxen. Houbo 9 homes detidos e 23 investigados. Deses detidos, 8 foron por malos tratos e 1 por quebrantamento da orde de afastamento. Dos investigados non detidos serían 7 por malos tratos e 16 por quebrantamento da orde de afastamento. 

Facendo unha comparativa con respecto doutros anos, desde o 2016 só no ano 2017 habería un maior número de investigacións por malos tratos, pero no total, sumando os quebrantamentos, o incremento é notorio neste pasado 2021. 

Vilaverde aproveitou a ocasión para facer un chamamento ao resto de Administracións para que dispoñan de equipos concretos para tratar os casos de vioxen, coma o da Policía Local de Pontevedra, con profesionais formados para estes temas, con despacho no Cim e que axuden para que a atención ás vítimas sexa do mellor xeito posíbel. 

Dentro das actuacións realizadas no ano 2021 por este equipo de profesionais, aparecen 204 valoracións policiais do risco, 463 contactos telefónicos de seguimento coas vítimas, 193 actuacións doutro tipo coma o control sobre o autor (73) ou a vixilancia sobre as vítimas no domicilio, colexio ou zonas comúns e frecuentes (142), ou o acompañamento da vítima até os xulgados (46). 

Do seguimento realizado sobre os agresores, 7 deles acabaron en prisión. Así, tamén foron realizadas comunicacións de saídas de permisos penitenciarios, vixilancias requiridas a patrullas uniformadas, atestados por delito quebrantamento da orde de protección ao xulgado, etcétera.

Na actualidade, a Policía Local ten 18 vítimas baixo protección. Dúas en risco medio, dez en risco baixo, seis en risco non apreciado. O ano pasado, no 2021, un total de 42 vítimas contou con protección xudicial prestada polo corpo de protección local.

A idade media dos agresores sitúase, durante o ano pasado, é de 32 anos. Para as vítimas é de 33. A concelleira lembrou que «non existe un perfil, nin unha formación, nin nada que nos diga como é o agresor tipo. Hai un perfil polo comportamento, si, e iso detectamos, mais é importante comprender a nosa contorna e denunciar no caso de detectarmos violencia», e tamén recalcou a importancia da colaboración cidadá e familiar para poder detectar os casos de vioxen e coidar e protexer a vítima.