Benestar Animal e Os Palleiros retoman o vindeiro luns no CPR San José as charlas para sensibilizar e concienciar aos máis pequenos sobre as consecuencias dos abandonos de cans e a importancia dunha adopción responsable

72

A Concellería de Benestar Animal e o colectivo Os Palleiros retomarán o vindeiro luns 21 de febreiro ás 9:30 horas cos nenos e nenas do CPR San José as charlas orientadas a sensibilizar e concienciar aos máis pequenos sobre as consecuencias dos abandonos de cans e a importancia dunha adopción responsable. O taller, organizado no marco do proxecto ‘Bo cidadán canino, boa cidadanía canina’ (impulsado polo concelleiro socialista Marcos Rey), desenvolverase na Praza do Teucro e permitirá que os alumnos coñezan o labor da asociación que xestiona a recollida de animais abandonados na vía pública e a súa alimentación e coidado no refuxio de Campañó, o seu xeito de traballar, as funcións que realiza, como poden colaborar co colectivo, os coidados esenciais que precisa un can, como reaccionar cando son testemuñas dun caso de maltrato…


Na charla tamén se abordarán cuestións que teñen que ver coa axeitada educación das mascotas e deixarase un espazo aberto para que os nenos formulen preguntas en relación ao correcto coidado e educación dos seus cans. Segundo avanza Marcos Rey, Os Palleiros “xa ten na súa axenda outros obradoiros para o luns 7 de marzo, día no que un grupo de persoas adultas con autismo de Vilagarcía visitará as instalacións da protectora ás 11:00 horas, e o luns 14 de marzo, no que está previsto un novo taller no IES A Xunqueira I.