Tino Fernández abre o IX Encontro de Alumnado das Escolas Asociadas da Unesco subliñando o papel do deporte como “unha poderosa ferramenta para promover a paz”

59

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes, Tino Fernández, esta mañá no Pazo da Cultura o acto inaugural do IX Encontro de Alumnado das Escolas Asociadas da Unesco, que este ano ten como eixo central a temática de ‘Deporte e Paz’. Nunha presentación na que estivo acompañado pola coordinadora das Escolas Asociadas en Galicia, Susi Enguídanos, que protagonizaron dous alumnos de centros participantes (Nuria Fraiz, do IES Luis Seoane de Pontevedra, e Xan Cousillas, do CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo) e á que tamén asistiron a concelleira de Cultura, Carme Fouces, e a coordinadora estatal das Escolas, Luisa Márquez, o edil socialista subliñou que, grazas á súa linguaxe internacional e a súa demostrada capacidade para entrecruzar culturas e superar barreiras sociais, étnicas e de xénero, “o deporte pode ser unha poderosa ferramenta para promover a paz, tanto simbolicamente como de xeito moi practico”.


Durante unha intervención na que lembrou que “a Onu ten designado o 6 de abril como Día Internacional do Deporte para o Desenvolvemento e a Paz”, Tino Fernández asegurou que “o poder do deporte pode e debe utilizarse como unha ferramenta para evitar conflitos e tamén como un elemento para construír unha paz sostible e superar barreiras de xénero e de raza”. “Cando se aplican eficazmente, os programas deportivos promoven a integración social e o feminismo e fomentan a tolerancia e a solidariedade. Valores todos imprescindibles para unha paz duradeira”, apuntou o concelleiro de Educación e Deportes.


Fernández asegurou que, consciente de que o deporte é moito máis que simple actividade física, a Concellería de Deportes e Saúde está a implementar programas como A Vida é Movernos, “onde desenvolvemos propostas de todo tipo adaptadas a tódalas posibilidades físicas”, e emprega as escolas deportivas “para transmitir valores tan importantes e ás veces tan esquecidos como a tolerancia ou a solidariedade”. “Máis recentemente -engadiu- abrimos unha liña de colaboración cos clubs, dirixida aos pais e nais dos rapaces e rapazas, mediante talleres nos que falamos de hábitos saudables e tamén de comportamentos saudables”. 


Tal e como sinalou Tino Fernández, “o deporte transcende barreiras xeográficas, ideolóxicas, sociais, políticas e de xénero, conecta individuos e comunidades, é unha plataforma de mobilización social, promove a saúde mental e física, permite a inclusión social e é unha ferramenta educativa valiosa”. Por ese motivo, dixo o tenente de alcalde, “é un total acerto, un máis de moitos acertos, que as Escolas Asociadas da Unesco debatan e acheguen a súa visión sobre ‘Deporte e Paz’, sempre desde unha perspectiva feminista”.


Un debate no que, como avanzou Susi Enguídanos, terán moito protagonismo palabras como “participación, equipo, igualdade, saúde, compromiso, disciplina, reto, esforzo, superación e paz”, e no que o alumnado das Escolas Asociadas da Unesco amosará que “outra escola é posible, que a educación traspasa fronteiras e que o deporte pode cambiar vidas”.


Nas súas exposicións, Nuria Fraiz salientou as presentacións e encontros virtuais realizados polo IES Luis Seoane sobre muller e sostibilidade con centros de Polonia, Romanía Grecia e Portugal, que culminarán “se todo vai ben, recibindo dentro dun mes alumnado destes países e viaxando a Romanía a final de curso”, mentres que Xan Cousillas valorou “o esforzo que os mestres e mestras fixeron para reunirnos a todos” nun contexto de recuperación da pandemia e aseguroulles aos presentes que, “aínda con precaucións, é un momento no que nos toca seguir sendo nenos e gozar desta experiencia dos rapaces e rapazas doutras escolas”.


As escolas participantes neste IX Encontro son os CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), Cabanas (Salcedo, Pontevedra) e Manuel Vidal Portela (Pontevedra), o CPR Eduardo Pondal (Cangas), os IES Pazo da Mercé (As Neves) e Luis Seoane (Pontevedra), os conservatorios profesionais de Música (Cmus) de Pontevedra e Víctor Ureña (de Redondela), a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Pontevedra e o CPI Julia Becerra Malvar (Barrantes), como centro convidado.