O Concello rexeita e sinala como despropósito o novo proxecto que Adif propón facer na praza dos Praceres

433

O nova versión da entidade empresarial recolle a creación dun muro divisorio infranqueábel e a creación dunha zona illada, con mala accesibilidade peonil e mesmo con problemas para situacións de emerxencia

O edil Alberto Oubiña sinala que o proxecto non supón unha melloría do anterior, máis ben todo o contrario, e que podería ser considerado unha «navallada contra a parroquia de Lourizán»

O concelleiro e coordinador do Rural, Alberto Oubiña, deu conta esta mañá da Comisión de mobilidade, infraestruturas, obras e servizos celebrada a primeira hora. O edil sinalou que o tema fundamental tratado na nomeada reunión xirou ao redor do informe dos servizos técnicos do Concello emitidos nos pasados días en relación co proxecto de supresión dos pasos a nivel na Praza dos Praceres, en Lourizán.

Oubiña lembrou que é un asunto ben coñecido na cidade, que «leva dando voltas durante moitos anos e que recentemente saíu á exposición pública a última das versións deste documento», coa que Adif pretende a supresión do paso a nivel en dous puntos. Un na rúa da Praia e outro na rúa do Areal que se transformaría nun novo acceso que xeraría unha rúa nova.

«O primeiro acceso, o que está máis preto da cidade, decorrería a través de parcelas e estaría lindeiro coa vivenda número 26. Este novo acceso daría á zona da igrexa. O segundo, na rúa da praia, obrigaría desprazar a rotonda que está preto da zona, para introducila máis na avenida Montero Ríos, para dar acceso a praia e ao colexio Sagrado Corazón de Placeres. Os dous accesos levarían cadansúa beirarrúa e no segundo acceso unha zona de escaleiras», explicou o concelleiro.

Alén destas medidas, Adif tamén pretendería bloquear por completo o paso a nivel, colocando paneis de policarbonato e unha sorte de xardíns verticais impedindo a visión e o acceso no lugar.

«Consideramos que isto é un auténtico despropósito, unha aberración que consumaría a división da parroquia de Lourizán ao partila en dous», comentou Oubiña. «Ademais, este proxecto faría inviábel o proxecto municipal do Parque da Dignidade que conta con autorización de Costas, pois segundo os informes feitos pola área de Medio Ambiente, esta nova vía impide o acceso total ao parque, pois só conta cun acceso posíbel que quedaría bloqueado».

Os informes municipais falan dunha barreira física infranqueábel que tamén xeraría unha barreira psicolóxica co tempo. Oubiña explica que os informes sinalan que a zona urbana afectada non só non melloraría a súa permeabilidade, senón que semella todo o contrario. Ademais, a mobilidade peonil só está contemplada a través dunhas beirarrúas nun só marxe, cun ancho de 1,5 metros desde a cara exterior da varanda de protección, incumprindo o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade, ao non xustificar un tamaño menor aos 1,8 metros establecidos pola normativa. Doutra banda, o acceso desde a rúa da Praia até a praza da igrexa queda bloqueado para persoas con mobilidade reducida polas escaleiras que non contan con rampla.

«Tamén percibimos un problema na seguridade ao non saber se é posíbel o paso de vehículos de emerxencia por estes novos accesos, como camións de bombeiros, nin tampouco queda explicado que pode ocorrer nas zonas baixo o nivel do mar no caso de que os bombeos fallen», explicou o edil. «Bombeos dos que, por certo, non sabemos quen pagará a súa electricidade logo de anos insistindo ao Ministerio para pescudalo, e que deberían estar 24 horas traballando. Nin sabemos que repercusións terán os seus ruídos».

O proxecto de Adif tamén elimina o campo da festa, lugar de encontro habitual para a convivencia social e a realización de festas populares e que, segundo os datos que aparecen no proxecto, non permitiría o pasado, por exemplo, dun camión dunha orquestra. Ao final, «quedaría unha zona illada, o que supón un desastre para a parroquia. Podemos ver este proxecto como unha auténtica navallada, unha traizón, ao non ser unha mellora do anterior, senón todo o contrario, polo que xa lles dicimos aos veciños que imos estar aí, que estamos do seu lado e que xa propoñemos nos informes técnicos o que xa dixemos no ano 2013, aprobado de xeito unánime pola Corporación Municipal: mudar o trazado da vía do tren, que se mova fóra da praza, que é o que todo o mundo quere e, visto o visto, o máis acaído».