O alcalde de Xenebra, Alfonso Gómez Cruz, define Pontevedra como un exemplo a seguir para a cidade na que goberna

533
Gómez Cruz mantivo unha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na que puido coñecer o proceso de transformación, e que logo comprobou cun paseo pola cidade
O rexedor visitante afirmou que o modelo de Pontevedra podería ser aplicábel na cidade de Suíza e que é primordial que os centros das cidades lles sexan devoltos aos cidadáns

O alcalde de Xenebra (Suíza), Alfonso Gómez Cruz, visitou este xoves, 17 de febreiro, a cidade de Pontevedra. Durante a súa estancia, de carácter familiar, aproveitou a ocasión para pedir unha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Ambos os dous tiveron a oportunidade de conversar durante preto de unha hora, no que o rexedor visitante amosou especial interese na transformación da Boa Vila e o modelo urbano que a fixo referente internacional.

Gómez Cruz explicou que en Xenebra están levando a cabo un proceso semellante ao que fixo Pontevedra no seu día, limitando a velocidade a 30 quilómetros por hora na cidade, e que están a traballar xunto con outras administracións para mellorar a calidade de vida dos veciños e visitantes da zona suíza. 

«Xenebra ten un movemento continuo de coches no centro da cidade o cal Xera unha enorme preocupación para nós, ante o reto de dispoñer transportes públicos eficaces e rápidos, tentando facer plans e programas que teñan en conta a urxencia climática que para nós e primordial», comentou Gómez que nunca estivera en Pontevedra, mais si coñecía o seu modelo a través das reportaxes emitidas a nivel internacional ou escritas pola prensa francesa, e considera que o modelo de Pontevedra sería aplicábel en Pontevedra pois «é un modelo no que nos temos que inspirar», pois aínda «estamos moi lonxe dos obxectivos que temos pensados, pero sabemos que os centros das cidades deben serlles devoltos aos cidadáns e os coches deben cederlle o paso á cidadanía».