Benestar Social activa un sistema de notificación telefónica que permitirá avisar das citas mediante SMS aos usuarios de Servizos Sociais

107

Ao tempo que comeza a dar os seus primeiros pasos para a implantación da Historia Social Única Electrónica (HUSE), a Concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey, continúa a actualizarse dixitalmente e a poñer en funcionamento aplicacións que axilizarán de xeito moi notable os trámites administrativos que se realizan na sede do Chalé de Fontoira. Segundo anuncia o propio Marcos Rey, o seu departamento acaba de activar “un sistema telefónico de notificación que permitirá avisar das súas citas mediante SMS aos usuarios dos Servizos Sociais Municipais”.


“Deste xeito -sinala o concelleiro do PSOE-, os usuarios recibirán nos seus móbiles unha mensaxe na que se lles informará do día e a hora da súa cita e a UTS (Unidade de Traballo Social) que lles corresponde. Todo poderá facerse directamente desde unha aplicación de xestión de citas conectada directamente ao sistema da HSUE, o que incide aínda máis no proceso de actualización tecnolóxica, optimización de recursos e axilización do traballo das traballadoras sociais que estamos a levar a cabo no Concello de Pontevedra”.


Tal e como lembrou Marcos Rey, a HSUE facilita que as UTE dispoñan dun acceso integral e inmediato ao conxunto de información e documentos en formato electrónico dos datos, valoracións e informacións sobre a situación e evolución das persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais, así como a identificación dos profesionais e dos servizos ou prestacións que interviron sobre estas.

A plataforma desenvolvida pola Xunta e a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) permite que as traballadoras sociais introduzan datos e obteñan información sanitaria, laboral e social, o que lles axudará a trazar o perfil social dunha persoa e elaborar dun xeito áxil e eficaz os correspondentes informes. A ferramenta permite que os profesionais dos servizos sociais dispoñan dunha visión global e integrada de toda a información social do usuario/a, que terá tamén máis sinxelo o acceso ao seu expediente, e facilita a coordinación entre tódolos axentes que participan na prestación de servizos sociais.


O Concello de Pontevedra dispón dunha aplicación desenvolvida por Imatia Innovation SL, que posibilita que as traballadoras sociais se conecten e accedan directamente ao programa Cividas e á HSUE. Esta aplicación xa se está a empregar a outros concellos como Santiago, Vigo ou Vilagarcía e será de grande utilidade para facilitar xestións como a tramitación das Axudas de Emerxencia.


A HSUE deberá ser única por persoa usuaria do sistema galego de servizos sociais na Comunidade Autónoma e fará referencia á identificación do usuario e dos profesionais, as valoracións técnicas no ámbito dos servizos sociais, as hipotéticas intervencións sociais e o posible seguimento do caso. En particular, incluirá os aspectos relacionados coas necesidades de atención, os programas, servizos e/ou prestacións que percibe a persoa usuaria e a información da que se dispón necesaria para decidir a modalidade de intervención máis axeitada.