A Ruleta do Amor da campaña de San Valentín impulsada pola Concellería de Promoción Económica reparte premios por valor de 1.500 euros na Praza da Peregrina

51

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, achegouse esta mañá ata unha ateigada Praza da Peregrina para asistir ás tiradas inaugurais da Ruleta do Amor, instalada polo seu departamento e a plataforma #PonteLovers no marco da campaña de San Valentín ‘Agasalla Amor’. Tal e como explicou a edil socialista, “aqueles clientes que durante as pasadas semanas mercaran cando menos en catro dos 400 comercios pontevedreses adheridos á iniciativa, e que polo tanto xuntaran catro selos dos mesmos, poden participar hoxe cunha tirada nesta fantástica ruleta e obter diversos premios directos: 25 vales de compra de 20 euros cada un, 250 rosas e 125 caixas de bombóns, que suman un valor total de 1.500 euros”.


Blanco lembrou que, ademais, os cidadáns que xuntaran tres selos e que depositaran o seu tarxetón no buzón instalado hoxe na Peregrina (e na oficina de Turismo de Pontevedra durante os pasados días) participarán nun sorteo de 20 vales por valor de 75 euros “que se desenvolverá mañá ás 10:30 horas na propia oficina situada na Praza de España”.


A campaña ‘Agasalla Amor’ foi impulsada cos obxectivos de incentivar as compras nos negocios de proximidade con motivo da celebración do Día dos Namorados e de compensar aos clientes que as realicen con suculentos premios. Para desenvolvela, a Concellería de Promoción Económica distribuíu entre uns 400 negocios locais un pack formado por 12 corazóns e unha bolsa en vinilo para pegar nos seus escaparates e 40 tarxetas para entregar aos seus clientes.