Xoga e Benestar Social poñen en marcha os ‘coffee breaks’ para persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas na Casa Azul

20

A asociación de diversidade sensorial Xoga vén de retomar as súas actividades presenciais, convidando á cidadanía a participar en ‘coffee breaks’ especialmente pensados para persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas, así como para familiares, amigos, profesionais e estudantes de lingua de signos. O obxectivo desta iniciativa, que se desenvolverá na Sala Valdecorvos da Casa Azul o primeiro e o terceiro xoves de cada mes (excepto festivos) en horario de 11:00 a 13:00 horas e que conta coa colaboración da Concellería de Benestar Social, é que todos aqueles que o desexen atopen un espazo gratuíto no que comunicarse en lingua de signos.


Segundo explica o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “nestes ‘coffee breaks’ abordaranse cuestións de todo tipo, desde actividades impulsadas por Xoga e por outras administracións accesibles e cursos de habilidades sociais ata andainas, charlas, talleres de risoterapia, propostas, conversas…”. “Cada día haberá unha sorpresa distinta, nun espazo para persoas con discapacidade auditiva, familiares e amigos que teñan ganas de tomar un descansiño, charlar e compartir ideas”, sinala o edil do PSOE.


Aqueles que queiran participar deberán inscribirse previamente a través do whatsapp 698 147 917. A organización adoptará tódalas medidas establecidas polas autoridades en cada momento na prevención da Covid-19.