O xornalista e escritor pontevedrés Víctor Méndez presentará o vindeiro martes 15 de febreiro no Liceo Casino o seu documental Narcogallegos

27
  • O acto de presentación terá lugar un día antes da súa estrea en Movistar Plus+ e contará coa participación do xefe da Sección Antidroga Greco Galicia, Emilio Rodríguez, e a xefa do Servizo Aeronaval de Vixilancia Aduaneira, Laura Rebollo
  • A peza audiovisual creada e dirixida por Méndez, inspirada no libro homónimo do mesmo autor e que analiza o negocio do narcotráfico desde diversos puntos de vista, foi realizada coa colaboración da Concellería de Saúde de Pontevedra

O Liceo Casino acollerá o vindeiro martes 15 de febreiro ás 12:00 horas a presentación de Narcogallegos, un documental creado e dirixido polo xornalista e escritor pontevedrés Víctor Méndez Sanguos e no que se analiza o lucrativo negocio do narcotráfico desde diferentes puntos de vista. No acto, que terá lugar un día antes da estrea oficial da peza audiovisual en Movistar Plus+, participarán, ademais do seu autor, o tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández; o xefe da Sección Antidroga Greco Galicia, Emilio Rodríguez; a xefa do Servizo Aeronaval de Vixilancia Aduaneira, Laura Rebollo, e a responsable de Compras Alleas e Entretemento de Movistar Plus+, Leticia Pérez Rico. Tamén estarán presentes o xefe da Brigada Central de Estupefacientes, Antonio Duarte; a delegada especial da Axencia Estatal da Administración Tributaria (Aeat), Imelda Capote, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco.

O documental de Méndez, xornalista especializado en tráfico de drogas e autor dos libros ‘Narcogallegos, tras los pasos de Sito Miñanco’ e ‘Traficantes de la muerte. De la heroína al fentanilo’, consta de dous episodios que desgranan o negocio das drogas e pon en valor o traballo das Forzas de Seguridade na súa loita contra o tráfico de substancias. A peza audiovisual, producida por Imaco, actualiza, cunha narración trepidante, un tema de máximo interese, e que volve abrir o debate, xa que, como constata o seu director, “2021 marcou récords de incautacións de cocaína en todo o mundo”.

Tal e como subliña Tino Fernández, “a Concellería de Saúde decidiu implicarse cun documental que aborda unha problemática que afecta especialmente á nosa terra (Galicia segue a ser, xunto a Holanda e Alxeciras, un dos puntos neurálxicos da recepción e distribución de droga por toda Europa) e que resulta esencial para coñecer como funciona o actual mercado da droga e como evolucionou o seu transporte nos últimos anos e quenes recolleron a testemuña de Sito Miñanco e controlan o narcotráfico internacional neste momento”. 

Segundo avanza Víctor Méndez, “Narcogallegos é a voz dos máximos responsables antidroga de Galicia e de España, pero tamén da xudicatura, das asociacións contra o narcotráfico e dos políticos”, ofrecendo ademais distintos puntos de vista de xornalistas de Sudamérica e Europa”. “Por suposto, interveñen os malos, co Clan do Golfo á cabeza… Por primeira vez, séntase ante a cámara ao xefe dun cártel colombiano en España. Fixéranse producións audiovisuais con persoas que venden drogas en directo, pero nunca con narcos deste nivel plenamente activos”, sinala o escritor e xornalista.

En Narcogallegos teremos ocasión de ver operacións antidroga en pleno desenvolvemento, en vivo, escoitando tanto o que di a Policía ou Vixilancia Aduaneira como as conversas que manteñen os narcotraficantes mentres transportan cocaína.

No acto de presentación deste martes, que incluirá a degustación dun viño, os convidados poderán desfrutar dun pequeno avance en forma de teaser antes da súa estrea en Movistar Plus+, o mércores 16 de febreiro ás 22:30 horas (a segunda entrega será o mércores 23 de febreiro no mesmo horario). Tamén estará dispoñible baixo demanda.

Poden obter máis información e material gráfico a través do enlace: 

https://comunicacion.movistarplus.es/email/narcogallegos-estreno-el-miercoles-16-de-febrero-en-movistar-plus/