Pontevedra Capital Gastro regresa entre os días 25 e 27 de febreiro para adozar o noso Entroido Gastronómico coa celebración da I Feira das Reposterías e Panaderías

44
  • O evento, impulsado pola Concellería de Promoción Económica, desenvolverase na Praza de España en horario de 11:00 a 20:00 horas, coa instalación dunha carpa en forma de tipi de 200 metros cadrados dotada duns 10 postos de venda
  • A cita gastronómica, presentada hoxe no obrador de panadería do CIFP Carlos Oroza, permitirá que o público desfrute dos mellores produtos típicos do Entroido. O recinto estará dotado de mesas e acollerá unha exposición de materias primas

No camiño para converter á nosa cidade en Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023, o proxecto Pontevedra Capital Gastro, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, continúa a encher o calendario festivo de novos eventos culinarios que permiten poñer en valor o noso potencial gastronómico e que chegan para quedar. A vindeira cita terá lugar coincidindo coas celebracións do Entroido e nace co obxectivo de adozar aínda máis o padal dos pontevedreses neses días de xolda aínda marcados pola pandemia: será a I Feira das Reposterías e Panaderías de Pontevedra que, enmarcada no xa bautizado como Entroido Gastronómico, daralle especial protagonismo aos doces típicos desas datas.

A iniciativa desenvolverase na Praza de España durante tres xornadas, entre o venres 25 e o domingo 27 de febreiro, en horario de 11:00 a 20:00 horas, e traducirase na instalación dunha creativa carpa en forma de tipi de 200 metros cadrados de superficie cunha decena de postos de venda de madeira que serán ofrecidos de xeito gratuíto ás panaderías e reposterías da cidade. Tamén se instalarán mesas (sen cadeiras) para que os asistentes poidan degustar os doces de Entroido no recinto, e haberá unha exposición de materias primas.

A Feira de Reposterías e Panaderías da vila, na que o público terá oportunidade de mercar os mellores produtos típicos desta festividade tan identitaria a nivel gastronómico, foi presentada esta mañá no obrador de panadería e pastelaría do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza, nun acto no que participaron a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco; o director do centro, Manuel Hermo, e varias representantes do equipo de Pontevedra Capital Gastro. Blanco agradeceu a implicación do Carlos Oroza tanto nesta iniciativa como no resto do ambicioso proxecto gastronómico do Concello e animou a toda a cidadanía “a pasarse pola Praza de España na última fin de semana de febreiro para degustar estas verdadeiras delicias da nosa gastronomía, que sen dúbida deleitarán aos afeccionados aos doces de calidade, como unha servidora”.

“Sinto ser unha vez máis a que obrigue aos pontevedreses a comer, pero considero vital que as panaderías e pastelerías da cidade participen activamente do proxecto Capital Gastro. E vano facer deste xeito, con pan, postres e produtos típicos do Entroido. Cónstame que Pontevedra xamais falla a ningunha feira deste tipo e estou segura de que esta tamén será un notable éxito”, asegurou a concelleira do PSOE.

Para comezar a abrir boca, tanto Yoya Blanco como Manuel Hermo aproveitaron o bo facer dos alumnos do CIFP Carlos Oroza no obrador de panadería para catar unhas saborosas filloas.

Á marxe da campaña en medios de comunicación e nas redes sociais de Pontevédrate, PonteLovers e Capital Gastro, o evento será promocionado na cidade a través de 20 mupis instalados a partir do luns 14 de febreiro, ao tempo que se fará entrega folletos informativos ás tres oficinas de Turismo de Pontevedra (Concello, Deputación e Xunta), e ás asociacións de Hoteis de Pontevedra e de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga) para que os distribúan entre os seus asociados.