Concello e Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra asinan o protocolo de colaboración para a reforma integral e modernización da nave de deportes náuticos das Corvaceiras

457

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, Óscar Ponte, estamparon esta mañá no Concello a súa sinatura sobre o protocolo de colaboración entre o club e o Concello de Pontevedra para a reforma integral e modernización da nave de deportes náuticos situada no Peirao das Corvaceiras, destinada a sede da Escola e do Club de Salvamento Acuático de Pontevedra (Sapo). Con este acto de formalización da sinatura, ao que tamén asistiron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e a vicepresidenta do club, Jenifer Casal, dáse luz verde para que Portos de Galicia lle poida renovar á Escola a concesión para a xestión das instalacións, situadas en Dominio Público Portuario.


A través deste protocolo determínanse o custo e o financiamento das obras necesarias para conservación, rehabilitación e reforma integral destas instalacións, garantindo a seguridade das persoas usuarias e o mantemento do seu uso deportivo sen ánimo de lucro para o fomento da práctica deportiva e demais deportes náuticos. En base a este acordo, o Concello aporta unha memoria valorada cun programa de necesidades elaborada polo Servizo de Deportes e unha valoración económica realizada polo Servizo de Arquitectura, destinando unha achega económica de 375.170 euros a este proxecto para reformar as vellas instalacións e dotalas de servizos modernos e espazos que dean resposta ás necesidades dos clubs.

Tal e como explicou o alcalde, “o protocolo dá pé a que Portos de Galicia faga unha cesión polos anos suficientes para rentabilizar o investimento de mellora das instalacións das Corvaceiras”, selando o compromiso do Concello de elaborar o proxecto e de outorgar unha subvención para efectuar a execución das obras. “A nave -subliñou Miguel Anxo Fernández Lores- atópase nunhas condicións lamentables e precisa dunha mellora e ampliación. Unha vez teña o protocolo, a Xunta fará unha cesión por uns 35 ou 37 anos, o Concello contratará a redacción do proxecto e, a partir de aí, consignaremos a subvención correspondente”.


O rexedor asegurou que, deste xeito, “quedaría resolta a necesidade de equipamentos do Cidade de Pontevedra, un dos clubs máis potentes de Pontevedra, con moita historia e deportistas olímpicos, cunha base excepcional e que desexamos que nos siga a dar moitas alegrías (o Naval e os equipos de Verducido, Ponte Sampaio e Ría de Pontevedra xa dispoñen das súas propias instalacións)”.


Pola súa banda, Óscar Ponte calificou esta sinatura como “un paso importante de cara a tramitar con Portos a concesión e poder seguir avanzando”. “Os prazos dependerán moito da redacción do proxecto e de cando o Concello poida liberar os cartos (pola vía dunha modificación de crédito). O compromiso de Portos é o de resolver a concesión en menos de dous meses”, apuntou o presidente do Cidade de Pontevedra.